A concelleira de Cooperación no Ensino, Olga Ameneiro, e o edil de Mocidade e Lecer, Ibán Santalla, presentaron xunto co presidente da Asociación Cultural Impact, David Melchor, a décima edición do Impact Returns, que se desenvolverá esta fin de semana, este venres 7, e tamén o sábado 8 e o domingo 9, no pavillón Campo da Serra.
Nesta nova xornada de ocio colaboran Mesa Cuadrada e Retrogalaicos, tal e como indicaron dende a organización, avanzando que se prevé a asistencia de máis de 300 xogadores procedentes de Galicia, Asturias, Madrid, Málaga e incluso doutros países, como Portugal, Bélxica ou Alemaña, entre outros.
Na xornada do venres comezarán as actividades ás 14.00 horas, cunha final nacional dun torneo Legacy no que as persoas clasificadas de diferentes lugares de España loitarán por dúas prazas que serán clasificatorias para unha final europea.
As persoas que o desexen poderán ver as partidas comentadas a través da plataforma: www.twich.tv/impactreturns. Así mesmo, dende o citado venres e durante os tres días do Impact Returns poderase ver unha exposición interactiva de consolas antigas e emuladores.
Na xornada do sábado 8 Mesa Cuadrada organizará torneos de canción de lume e xeo e unha exhibición de warhammer 40K cun gran desplegue de escenografía, tal e como avanzaron dende a organización.
Así mesmo, a asociación Impact organizará un torneo de Legacy que se desenvoverá en horario de mañá e tarde e tamén un torneo Pioneer clasificatorio para outro torneo que se celebrará na cidade de Lille (Francia) e doutros torneos como trials modern e vintage. Este ano, como novidade, segundo se avanzou, organizarase un torneo de Pokemon series de Galicia.
Finalmente, o domingo día 9, terá lugar o torneo Impact Returns Modern, no que se prevé unha gran afluencia de participantes, superando anteriores edicións. Ao longo do día tamén haberá eventos de Legacy, Modern e Commander.
Pola súa banda, Mesa Cuadrada organizará un torneo de Bloodbowl a tres partidas, con premios para as persoas gañadoras e o resto de participantes. Para máis información sobre este evento pódese consultar a páxina web: www.impactreturns.com ou as redes sociais de Impact Returns.