Marián Ferreiro reuniuse este domingo con veciñas e veciños de San Mateo e Doso

En San Mateo

A candidata á Alcaldía de Narón por Terra Galega, Marián Ferreiro participou na mañá  deste domingo no acto electoral celebrado na parroquia de San Mateo, no que estivo acompañada por Roberto Naveiras, integrante do equipo co que concorre aos comicios electorais do vindeiro domingo. No transcurso do acto Ferreiro recordou algunhas das actuacións que dende o goberno local naronés se levaron a cabo nos últimos catro anos e tamén avanzou parte dos proxectos incluídos no seu programa electoral. Entre eles a candidata incidiu en que seguirán avanzando na implantación da autoxeración enerxética mediante fontes renovables, co fin de que se poida autoproducir toda a enerxía que consuman as instalacións municipais.

Así mesmo, a candidata de TEGA incidiu tamén en que “continuaremos destinando importantes partidas para seguir dotando de saneamento e abastecemento ás vivendas da zona rural do municipioe tamén queremos atraer máis poboación a estes núcleos, polo que no novo Plan de Urbanismo incrementaremos a superficie de solo de núcleo rural, que pasará de oito a dez millóns de metros cadrados e que permitirá ampliar as zonas nas que se poderán construír novas vivendas”.

Pola tarde a candidata de TEGA desprazouse á parroquia de Doso, onde entre outros integrantes da súa candidatura a acompañou Roberto Yáñez, veciño da citada parroquia. Tras presentar ante a veciñanza parte dos traballos executados no actual mandato na cidade, Ferreiro anunciou que un dos proxectos comprometidos para Doso é renovar o actual espazo para a veciñanza, que terá unha maior superficie para que as veciñas e veciños poidan contar cun local social axeitado ás actuais necesidades, ao igual que se fixo noutras parroquias e barrios da zona rural. Reforzar o apoio ás festas tradicionais como o exitoso Samaín que cada ano se organiza en San Mateo, ou a tamén moi concurrida recreación da Esfolla de Doso, foron outros dos compromisos que avanzou Marián Ferreiro nos actos electorais celebrados nestas parroquias.

A última semana de campaña comezará para Terra Galega co acto electoral programado no local social do Val, mañá luns ás 21.00 horas, e no que a candidata, Marián Ferreiro, estará acompañada por Mar Gómez, Lorena Barea e Ana Belén Rodríguez, ademais de outros integrantes da súa candidatura.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …