A ampliación das instalacións do SPEIS e un carril bici cara a Río Seco, compromisos de TEGA co Alto do Castiñeiro

Ampliar as instalacións do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón. Foi un dos compromisos anunciados este sábado
pola candidata de Terra Galega á alcaldía de Narón, Marián Ferreiro, no acto electoral celebrado no Alto do Castiñeiro, no que estivo acompañada por Mercedes Taibo, Olga Ameneiro e Daniel Casal, integrantes do seu equipo. Ante as veciñas e veciños que acudiron a escoitar as propostas da formación.

Ferreiro explicou que “unha das actuacións que levaremos a cabo é a ampliación das instalacións do SPEIS, un servizo que ano tras ano dotamos dun importante equipamento, tanto en medios como en vehículos, e que precisa na actualidade dun maior espazo”.

Outro dos compromisos adquiridos pola candidata de TEGA é a habilitación dun carril bici que uniraá o centro da cidade coas instalacións deportivas de Río Seco. “Esas instalacións acollen unha gran variedade de actividade deportiva, cos dous campos de fútbol, as pistas de atletismo, a de lanzamento… e queremos ofrecer unha ruta segura, neste caso un carril bici, para que as persoas que o desexen poidan achegarse a través desa nova vía, que complementará a outras xa existentes na cidade e nos permitirá seguir avanzando na dotación de novas infraestruturas á cidadanía”, subliñou Ferreiro.

Ferreiro incidiu en que a humanización dos espazos públicos, a creación dun espazo cuberto de lecer para a xente nova, e a promoción de eventos impulsados pola mocidade, así como novas accións de conciliación, prevención contra as violencias e atención ás persoas maiores, forman parte do programa co que Terra Galega concurre ás eleccións do vindeiro 28 de maio.

Actos este domingo

A candidata á Alcaldía por Terra Galega participará este domingo nos actos electorais do partido convocados en de San Mateo -12.00 horas- e Doso -19.00 horas- nos que estará acompañada polos representantes de ambas parroquias, Roberto Naveiras e Roberto Yáñez, respectivamente, e outros integrantes do seu equipo.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …