A candidata de Terra Galega á alcaldía de Narón, Marián Ferreiro, continuou na noite deste xoves avanzando as propostas que a formación impulsará durante o vindeiro mandato na cidade. No acto celebrado no local social da Gándara Ferreiro estivo acompañada polo exalcalde naronés, José Manuel Blanco, polo edil Román Romero e por María Lorenzo e Eva Romero, integrantes todos da súa candidatura.
A creación do primeiro parque Robinson de aventuras é unha das novas propostas que TEGA impulsará na parroquia, con variadas propostas de xogos e actividades dirixidas a persoas de diferentes idades e habilitado nun entorno natural da Gándara. Así mesmo, avanzou tamén que se habilitatá un gran parque canino nunha superficie de 14.000 metros cadrados, que complementará ao xa operativo na zona do paseo marítimo.
“Trátase de dúas propostas que nos permitirán ofrecer máis e mellores equipamentos á veciñanza nesta parroquia, unha das máis poboadas da cidade”, asegurou Ferreiro.
Os proxectos a desenvolver na cidade inclúen ademais outras áreas, como a remodelación das avenidas do Mar e Castelao, a ampliación do programa de acción da Casa da Mocidade, melloras nas instalacións da piscina municipal e do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz… entre outros.
Outra das propostas incluídas no programa de Terra Galega para os vindeiros catro anos é a construción dunha senda peonil que una A Gándara, Xuvia e Pedroso. “Continuamos apostando por acondicionar os espazos naturais, por habilitar zonas para uso e desfrute das persoas no noso propio entorno, comunicando entre si as parroquias a través destas sendas, como xa fixemos entre Freixeiro e Xuvia”, explicou Ferreiro.
Acto este venres
O vindeiro acto electoral de TEGA será este venres ás 21.00 horas no local da Pombiña, na parroquia de Pedroso, onde a candidata estará acompañada, entre outros, por Pilar Testa, representante na candidatura da citada parroquia naronesa.