A candidata de Terra Galega á alcaldía de Narón, Marián Ferreiro, anunciou no acto electoral celebrado na tarde, deste mércores en Castro un novo compromiso do seu programa electoral: favorecer a construción dunha residencia pública de maiores autonómica ou provincial, ofrecendo dende o Concello todas as condicións necesarias en canto á oferta de espazo público, urbanización… para favorecer e contribuír á súa construción”. Así mesmo, recalcou que “continuaremos traballando para que esta cidade, con preto de 40.000 habitantes, conte cunha residencia pública para persoas maiores, un servizo que consideramos fundamental e que queremos que sexa unha realidade canto antes”.
Ante as veciñas e veciños da parroquia de Castro que se achegaron ao acto electoral, no que Ferreiro estivo acompañada polos edís Pablo Mauriz e Manuel Ramos entre outros integrantes da candidatura, tamén destacou que “continuaremos avanzando na implantación do saneamento e abastecemento, na área da eficiencia enerxética e en eliminar a fenda dixital que sofren aínda algunhas zonas de sombra do noso termo municipal”.
Outra das propostas de TEGA para o vindeiro mandato é a creación dun mapa de rutas circular que atravese o Concello para dar a coñecer lugares emblemáticos. “Esta parroquia ten moitos atractivos coñecidos polas naronesas e naroneses, pero que tamén queremos amosar a outra xente a través desa ruta circular”, asegurou.
«As persoas maiores contarán con maiores infraestruturas nas zonas verdes e tamén melloraremos os parques infantís e habilitaremos un espazo de lecer na cidade para as mozas e mozos. Queremos que Narón continúe sendo un referente polas súas infraestruturas, os seus servizos e equipamentos e, en definitiva, que siga atraendo poboación para o Narón do futuro, o que queremos para as nosas fillas e fillos”, subliñou Ferreiro.
Este xoves na Gándara
A formación continuará este xoves cos actos electorais programados na cidade, concretamente ás 21.00 hors no local social da Gándara, onde a candidata á Alcaldía, Marián Ferreiro, estará acompañada polo exalcalde da cidade, José Manuel Blanco, e por Román Romero, María Lorenzo e Eva Romero, integrantes todos eles da súa candidatura.