Frutos Saavedra Meneses foi un político, científico e militar galego que, a pesar de falecer de xeito prematuro con 45 anos de idade, levou a cabo numerosos traballos, moitos de interese nacional pero especialmente outros de gran importancia para Ferrol e súa comarca.
Naceu en Ferrol o 25 de outubro de 1823; era fillo de Antonio Saavedra, rico propietario de Pontedeume, e de María de la Candelaria Meneses.
Frutos Saavedra ingresou na Academia Militar de Artillería de Segovia o ano 1838. O ano 1844 foi
destinado á Fábrica de Trubia, sendo un dos impulsores da súa rehabilitación, levantando novos planos e deseñando os fornos e diversa maquinaria da fábrica. A continuación viaxou por Francia, Alemania, Inglaterra, Bélgica e Paises Bajos, realizando un estudo e publicando a correspondente memoria sobre as industrias de materiais férreos e de fabricación de armas.
Dentro da súa traxectoria militar, Saavedra Meneses foi nomeado profesor da Academia Militar de Artillería o ano 1848. Tras participar na Guerra de Marruecos foi nomeado Comendador da Orden de Carlos III e condecorado coa Cruz de San Fernando e a Orden de San Hermenegildo. Ascendido a Teniente Coronel, dimitiu do seu cargo de Oficial da Secretaría de Guerra o ano 1863 para dedicarse á política.
A súa traxectoria científica foi así mesmo de gran interese. Dados os seus coñecementos de xeodesia, o ano 1853 foi un dos encargados de formar o Mapa General de España, como representante da Arma de Artillería. Xunto co tamén militar Carlos Ibáñez deseñou un especial aparato de medida, logo construído en talleres franceses, para o seu uso durante los traballos de xeodesia e topografía, necesarios para a formación dun mapa.
Os seus traballos e publicacións sobre as fortificacións de campaña, sobre temas de topografía e xeodesia e sobre outros temas científicos e militares, publicados nas décadas dos anos 1850 e 1860, valéronlle ser nomeado membro da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales o ano 1862 e da Real Academia Española o ano 1867, no ingresando na última delas a causa da súa prematura muerte.
Igualmente Frutos Saavedra foi membro da Sociedad Económica de Amigos del País de Oviedo, da Sociedad Meteorológica de Francia e da Sociedad Geográfica de París.
No que atinxe a súa actividade política Frutos Saavedra afiliouse ao partido da Unión Liberal, sendo electo deputado por Pontedeume en novembro de 1860. Permaneceu nas Cortes de Madrid durante catro lexislaturas ata o ano 1864. Durante a súa permanencia no Congreso de Diputados, un dos seus temas recorrentes foi a insistente reclamación das obras do ferrocarril de Palencia ata A Coruña e o seu ramal a Ferrol.
En marzo de 1864 o político ferrolán foi nomeado Director General de Obras Públicas, impulsando numerosas obras na provincia coruñesa, como foron os peiraos dos portos de Ares, Mugardos, O Seixo e Pontedeume, así como varias estradas da comarca, o Instituto de Enseñanza Media de A Coruña e a instalación dunha estación telegráfica en Pontedeume.
O 12 outubro de 1864 Saavedra Meneses visitou Pontedeume, onde chegou a bordo do vapor “León”, para inaugurar o novo peirao eumés, permanecendo na vila hasta o seguinte día 19, recibindo constantes manifestacións de agradecemento a súa labor.
Ese mesmo día viaxou a Ferrol, previa visita a Redes, Ares e Mugardos.
Nuns momentos nos que Ferrol sufre o abandono do Goberno Central no tema das comunicacións ferroviarias, cumpre recordar que Saavedra Meneses impulsou a chegada do ferrocarril a Galicia, pedindo insistentemente a construción do traxecto de Betanzos a Ferrol, que se aprobaría, froito da súa xestión, o ano 1883, quince años despois da súa morte, e que non chegaría a inaugurarse ata o ano 1913.
Entre as numerosas obras que publicou “Descripción de algunos instrumentos de Geodesia y Topografía”, en colaboración con Ibáñez de Ibero (ano 1853), ”Progresos de la Geodesia” (ano 1862), “Estudios de Fortificación. Atrincheramiento de campaña” (ano 1864), usado como libro de texto nas Academias militares, e “Base de Madridejos. Base central de la triangulación geodésica de España” (ano 1865). Colaborou ademais en diferentes revistas técnicas e científicas.
Pola súa repentina morte en Madrid o 23 de outubro de 1868 non leu o discurso de ingreso na Real Academia Española, da que fora nomeado membro. Posteriormente foi nomeado Fillo Adoptivo de A Coruña e púxose o seu nome a senllas rúas de Betanzos, Pontedeume e Ares. Tamén o ano 1900 púxose seu nome a unha rúa de seu Ferrol natal, aínda que retomou o nome orixinal de rúa María o ano 1981. Consérvanse senllos retratos de Frutos Saavedra nos concellos de Pontedeume e Ares.
Frutos Saavedra Meneses tamén cultivou a poesía dedicando un poema a Ferrol, ao que chama “coloso de piedra dormido en el mar”. Diversos aspectos de súa biografía e súa obra nas comarcas de Ferrol e Eume foron tratadas por varios escritores como Antonio de la Iglesia, Couceiro Freijomil, Carlos de Castro, Guillermo Llorca, Germán Castro e Juan J. Burgoa.