Saudade das Terras do Eume entre camelias, chorima e grelos

José Fonte Sardiña

Comezo a escribir esta crónica nun chuvioso Día Internacional da Muller, como homenaxe a todas elas e de maneira moi especial a Ana, coa que felizmente casei en Pontedeume un oito de marzo de 1992, naquela ocasión solleiro ⸺talvez por mor dos ovos que lle ofreceramos a santa Clara, consonte manda a tradición⸺, e veñen á miña memoria as acaídas verbas de Rosalía de Castro no limiar das súas “Follas Novas”: “O que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as imnumerables coitas das nosas mulleres […]. No campo compartindo mitade por mitade cos seus homes as rudas faenas, na casa soportando valerosamente as ansias da maternidade, os traballos domésticos e as arideces da probeza. Soias o máis do tempo, tendo que traballar de sol a sol e sin axuda pra mal manterse, para manter os seus fillos, e quisais o pai valetudinario, parecen condenadas a non atoparen nunca repouso se non na tomba” (Rosalía de Castro: ‘Dúas palabras da autora’, en “Follas Novas”, primeira edición de 1880, Madrid, La Habana, citado pola de Xerais e La Voz de Galicia, 2001, A Coruña, con textos fixados por Blanca-Ana Roig Rechou en 1990, p. 32 e 33) (Monólito a Rosalía de Castro en Pontedeume).

O inverno cru, que lles regalou auga abondosa aos ríos galegos e espiu as nosas fermosas árbores caducifolias, dá xa sinais que anuncian a chegada da primavera, e as miñas andainas con Ana polas Penelas no Concello de Teo, onde contan con razón que se pode divisar o emblemático Pico Sacro desde as súas trece parroquias, teñen cada vez máis luz e cor. Sempre que o vexo, evoco o non menos mítico e sagrado monte de Breamo eumés, que está acotío no meu corazón (O Pico Sacro e o monte de Breamo).

O ben compasado rumor dos numerosos regueiros —canta razón tiña Cunqueiro cando falaba de Galicia como “o país dos dez mil ríos” (Álvaro Cunqueiro: “A cociña galega”, Vigo, 1983, p. 87)—, que nos acompaña, trae ao meu pensamento o Pai Eume —sinécdoque para min de todos os ríos —e o seu cantar, recollido nos versos do Padre Placer: “Montañas de Soaserra, / pel d’unha besta salvaxe, / douradas coa frol do toxo. / Po-lo río abaixo vai / a canción do Eume. // Soan po-lo ar os salmos / dos monxes de Caaveiro. / Os pinares tamén choran. / Po-lo río abaixo vai / a canción do Eume. // No fondo das augas verdes / hai unha caixa de morto, / d’unha frol que se afogou. / Po-lo río abaixo vai / a canción do Eume” (Gumersindo Placer: ‘Eume’, en “Algas (Versos gallegos)”, primeira edición de 1959, Madrid, citado pola reedición de 1994, Pontedeume, p. 43) (Regueiro das Penelas en Teo e Esteiro do Eume).

Alentadas pola xenerosidade da auga e a doce quentura dos escasos aloumiños do sol das mañás, abrollan esplendorosas as camelias brancas, rosas  e vermellas— con pingas de choiva que semellan bágoas— das que falaba Ramiro Fonte nun delicioso poema: “Flores do inverno, puras / como as camelias brancas, existentes / porque a luz da mañá non as desfolla, / e viven tremedoiras, inútiles no aire; // flores de inverno sen destinatario, / estragadas coma camelias murchas / entre os papeis do chan, cunha color / que puido ser vermella e non ten nome; // abonda unha raiola de sol para que abrollen” (Ramiro Fonte: ‘Flores de inverno’, en “Capitán Inverno”, Vigo, 1999, p. 26) e que medran tamén no Xardín de Pontedeume— que os de fóra da vila chaman Parque—, un dos lugares de xogo máis queridos da miña infancia.

O musgo e a hedra visten de verde os troncos das árbores caducifolias, os muros, as pedras e o chan. E no medio de todo xorden anárquicas as toxeiras, que xa rosean tinguindo de amarelo tanto verdor cinguido— como na bandeira de Pontedeume, que campa orgullosa no balcón doConcello e no Torreón dos Andrade—  e anuncian que a primavera chegará decontado. Polo baixiño vou entoando a canción do Grupo Saraibas: “Chorima, nosa chorima, / tan amarela no monte, / ti es a flor dos galegos, / dos de onte e dos de hoxe. // […] // Arrecendes os toxales, / non te quixeches na casa, / ergueita, brava e ceibe, / como os galegos de raza” (A chorima nas toxeiras e a bandeira de Pontedeume no Torreón).

Desde santa Lucía — cando “mingua a noite e medra o día”— os solpores sonche cada vez máis serodios e as xornadas máis cheas de luz, o que é outro aviso de que xa vén axiña a agardada primavera. Porén, como non todo vai ser festa, as mesmas cores verdes e amarelas das toxeiras que tamén pintan as flores dos grelos nas leiras teiman en presentarse diante de nós e auguran que ese saboroso manxar do inverno non tardará moito en desaparecer dos nosos pratos.

Eu ben cho sinto, pero ningún galego ignora que estarán duros decontado! É unha verdadeira mágoa, mais as leis da natureza son inexorables! Así e todo, o inverno que vén, se alí chego, poderei comprar de novo os grelos os sábados pola mañá no Mercado Labrego dos Tilos e gozar deste exquisito produto das Terras de Santiago, aínda que os que somos das do Eume sabemos abofé que non teñen parangón cos de Monfero, que se desfán na boca coma manteiga.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …