Xosé Paz Fernández
Fai trinta e cinco anos nun xornal da provincia dábase ó prelo o seguinte: “Un ano máis, e seguindo co que podería chamarse a tradición de cantar os aguinaldos polas rúas, ou variación da mesma, terá lugar (…) na Praza Real unha interpretación de vilancicos e panxoliñas a cárrego da Coral Polifónica Eumesa».
Nesta data da Noiteboa intentaranse facer algunhas anovacións no citado acto, que viña sendo acostumado pola Coral dende fai algúns anos (…) tamen participará o grupo infantil ”Folerpiñas”, e preténdese que o público asistente tome parte activa nalgunhas das composicións finais. Para tal fin repartiranse unhas copias dos cantos, para lograr un ambente relaxado e de participación popular que intentaría axuntar o público ointe e a Coral, facendo en común interpretacións que poderían sentar unhas bases futuras de participación. Os organizadores fan unha invitación ó acto ós afeccionados eumeses que non dudamos que o pasarán moi ben nesta xornada de paz e desexos de felicidade para todos.
A Noiteboa invita á reflexión e nada millor que a música……”.
Se poidésemos analizarnos a nós mesmos como seres racionais saberíamos valorar certas cousas, coñeceríamos o verdadeiro valor e siñificado da verba “tradición” cada persoa. A transmisión de doctrinas, costumes, ritos, feitos que creou o pobo na nosa terra é moi ampla: lendas, folclore, maios, folións, S. Santa, panxoliñas, romeirías, e unha longa manchea de actos que sería longo dar ó prelo.
A expresión do espíritu queda reflectida con ese trasego do “saber” das xeneracións máis vellas ás máis novas, para que non se perda esa verba e o seu sentido: de tradición, que ás veces non respectamos, apreciamos, nin tentamos revalorizar, empurrándonos así a un precipicio sen fin como é o esquecemento da nosa verdadeira persoalidade e orixe. Ás veces facemos como o can do hortelán que non come nin deixa comer ós demáis. E dirá o lector a que vén isto. A nosa humilde exposición é que non axudamos ó fomento desta continuación etnográfica nas distintas etapas da vida como son as das vindeiras datas dos aguinaldos
cantados.
Noutrora un grupo de mozos/as axuntabanse para cantalas panxoliñas e vilancicos polas rúas pedindo o aguinaldo: cartos, castañas, doces do nadal, etc. que logo aledaría ós cantores aguinaldeiros. A xente agradecía o feito de andar polas rúas cos cantos e desexos de ledicia e así lles daban as esmolas e agasallos.
No tempo e no mundo foise asentando a tradición desta época do ano. Podemos ver no cine ou na tv. os grupos de cantores que saen nas películas en todalas partes do planeta facendo de aguinaldeiros polas portas das casas e nos establecementos comerciais: son os costumes propios de cada lugar.
Na nosa vila sempre houbo aguinaldos. Fai tempo ténse axudado co recadado neles para algunha obra social necesitada. Os directores Xesús Calvo, o mestre Pita Fdez., e logo os continuadores Uxío Cuiñas, Antonio Leira, Nardo Bellas, Tito Ríos, Los trasnochadores, Os Churumbeles con Ofelia, e ata o asinante destas liñas coa coral, e outros máis antergos, percuramos continuar a tradición.
E na tempada como dicía o vello xornal do 1988, xa comezaran a esvaecerse e entón houbo que “reformar” esas saídas de momentos de ledicia, pasando a facerse as interpretacións “in situ” na Praza Real onde acabarían concentrándose os diferentes grupos que iamos a revitalizar, deprender e transmitir as novas panxoliñas ou cantigas dedicadas ó ser recén nado, lembrando outras antergas, e todos iso para que non se esquecera o tradicional da terra.
E agora
E agora como hai que aproveitar a libertade que nos dá a pandemia que nos aturou estos anos pasados, nós, estaremos a Coral para cantar o dia da Noiteboa nos baixos do Concello, ás oito da noite. e non na praza. Así se escoitará algo millor e non haberá balbordo debido á xente das mesas dos bares, que parece ser non lles interesa o acto. O que non sexa na praza Real levará ós interesados, supoñemos, a escoitar millor os sons do nadal. Haberá menos impedimentos sonoros, tachas, que mesmamente semellan desprecio ós cantores e á mesma tradición que parece querer refugar ou iñorar algunha xente. A proba de facelo noutro lugar para o milloramento non é costosa, e se non dá resultado D.m. para o ano buscarase outro lugar, sonoro, calado, e recollido do balbordo destos dias, para que o pobo que quere festexar o nadal cantando e siga a tradición, o poida facer sen atrancos.