Pontedeume e Cabanas na novela de Olga Rico “Los disfraces de la traición”

José Fonte Sardiña
O pasado dez de marzo fixo cinco anos que tiven a honra de presentar en Pontedeume, na Casa da Cultura do convento agostiño, a novela da nosa paisana Olga Rico Cadavid “Los disfraces de la traición”, en compañía da propia autora, do noso alcalde Bernardo Fernández Piñeiro, da daquela concelleira de Cultura Yolanda Vázquez Busto e do bibliotecario Alexandre Caínzos, que prepararon con moito agarimo un acto no que puidemos gozar dunha magnífica festa literaria nun salón ateigado de xente nuns tempos nos que esta pandemia que nos acouga aínda non aparecera e nos que non existían máis máscaras cás dos disfraces que lle deron título ao libro ou as do tradicional Entroido.

A novela comeza presentando á eumesa Sara Vázquez, a protagonista, que, “sentada nun banco do parque, coa mirada inmóbil e expresión desolada, oía sen escoitar os asubíos do vento e o alegre barullo duns nenos que, ao lonxe, facían voar os seus papaventos. As grandes árbores centenarias, con douradas follas outonais, mexían as súas pólas docemente na fresca mañá de novembro” (Tomado e traducido de Olga Rico: “Los disfraces de la traición”, Círculo Rojo, 2016, p. 15). Que fácil foi para min imaxinar a Sara Vázquez naquel parque de San Francisco que eu visitara con Ana e o noso fillo Miguel, ben pequeniño, cargados de noces para que comesen da súa man os centos de esquíos, que en Oviedo, como é natural, chaman ardillas, e que hoxe creo que
 xa non están alí.

Sara, sentada nun banco do parque de San Francisco, non podía crer que unha sucesión de traizóns, que no libro aparecen sempre disfrazadas, cambiase de socato a súa tranquila e apracible vida de muller felizmente casada e de brillante e recoñecida profesional como xefa do Servizo de Neuroloxía do Hospital Clínico de Oviedo e investigadora na Universidade, pero así era. Ernesto, o seu primeiro amor, co que levaba casada vinte e dous anos, o pai do seu fillo Er, decidira marchar da casa con Estrella, unha das secretarias da súa empresa da que esperaba un fillo. O outro alicerce que sostiña a vida de Sara e que lle daba seguridade, o seu traballo, tamén se veu abaixo, coma un castelo de naipes; o xerente do hospital chamouna para dicirlle que uns presuntos erros seus lles causaran graves danos por intoxicación a tres pacientes e que a suspendía de emprego e soldo por un ano.

Buscando un pouquiño de paz entre tanto desacougo, Sara volve á súa vila natal en Galicia, onde vivían o seu irmán e a súa nai, para pasar a fin de semana. A choiva e as bágoas foron as súas compañeiras de viaxe. Aínda que aquel outubro estaba a ser benigno, esa noite había treboada e chovía a cachón. O arrecendo das mazás do país ao entrar no garaxe da casa tróuxolle a Sara lembranzas da súa infancia e os cestos de castañas que alí había recordáronme a min os colares de zonchos que faciamos de nenos por defuntos. Pola mañá xa delampara e podía verse a ría, dourada por un doce sol de outono que asomaba no ceo xa ben cedo. Non se cita o nome da vila natal de Sara, pero os que coñecemos Pontedeume non precisamos que se diga expresamente porque hai moitos detalles que nos fan doada a identificación.

É certo que o arrecendo a herba e terra mollada, os castiñeiros e as nogueiras, e a vista espléndida da ría que se contemplaba desde a casa poderían facer pensar en varios concellos da nosa terra; así e todo, consonte avanza na descrición, xa non hai dúbida.
Decídeme se minto: “Ao mediodía marchou á vila dando un paseo. Os grandes plátanos que circundaban a estrada cubriran o chan dunha espesa alfombra de follas cobreadas; uns tenues raios de sol filtrábanse entre as súas pólas [ben sabemos os eumeses que vai paseando pola rúa da Estación]. Sara camiñaba devagar, respirando con delicia o aire puro. A vila, tan bulideira no tempo estival pola chegada dos veraneantes, pareceulle un aquel amortuxada. Só ao pasar preto do mercado, percibiu a fervente actividade dun domingo de feira [eu creo que fala dun sábado de Feirón porque logo di que a notaría estaba aberta]: os postos, que se aliñaban a carón da fonte dos Catro Canos [que evidentemente ten que ser a fonte do Pilón], mostraban diversidade de roupas, calzados, cestos, queixos, empanadas, panes… e alternaban cos telderetes de reloxos, pulseiras, panos e bixutería, algúns deles atendidos por xente de color. Os habitantes da vila realizaban as súas compras e labregos baixados das aldeas circundantes vendían os seus produtos en pequenos espazos improvisados nos arredores da praza” (Idem, 33 e 34) (Foto de Aurora Lapique).

Xa na casa, pola tarde, Sara contemplaba outra vez a ría de Ares. “O sol da tardiña ía tinguindo de cores douradas e ocres os montes que caían sobre a ría. O mar estaba en calma, coma un prato” (Idem, 35). Que eumés non utilizou máis dunha vez esta expresión? (Foto de Miguel González-Llanos).

Ao chegar á súa casa de Oviedo, “meteuse na cama e tapouse ata a cabeza. Pensou nas ondas do mar lambendo a area, nun paseo descalza pola orela, na brisa fresca con olor a salitre, no reclamo das gaivotas… e paseniño, coa axuda da pastilla, quedou durmida”. Xa en Oviedo, evoca, como vedes, os paseos que moitos adoitamos dar pola praia da Magdalena de Cabanas ou a de Ver, que o nomenclátor manda escribir con V pero que os eumeses teimamos en facelo con B, coma sempre se nos dixera (Foto de Lola Fornos Ríos).

Tamén despois, na casa de Omar, no capítulo 6, comenta Sara con Valentín: “este piñeiral a carón da praia lémbrame a miña vila. De pequena, a miña nai levábanos, algunhas veces, a comer entre os piñeiros. Eran días moi felices” (Idem, p. 75). Quen non recorda as comidas campestres da feliz infancia entre piñeiros preto da praia da Magdalena de Cabanas, nas que non podían faltar a tortilla e os bistés empanados, como no xantar que Valentino lle prepara a Sara no capítulo 8? (Idem, p. 91) (Foto de Lola Fornos Ríos-Garabana).

O capítulo 16 narra o enterro de dona Esmeralda, a nai de Sara, no noso cemiterio de Porto. Moitos eumeses acudiran á casa familiar onde se celebrara o velorio e logo tamén á igrexa parroquial e ao camposanto. Así o conta o narrador: “Cando chegaron ao cemiterio, situado no alto da vila [coma o noso, para poder descansar por sempre vendo a ría no alén], a brisa despexou a Sara, que respirou con agrado o aire puro con olor a eucalipto que baixaba da montaña [obviamente, viña do noso monte de Breamo]. Ao camposanto subiron tamén algúns veciños afeitos a lles render culto aos defuntos. Moitas tumbas estaban cubertas de flores, e o silencio reinante só era roto polo ruído dos pasos en procesión e pola voz do cura rezando un responso [sería don José Ramón, supoño, aínda que nada se di]. No panteón familiar, a lousa de granito galego que cubría a sepultura estaba movida, deixando ao descuberto a fosa onde tamén fora enterrado o seu pai. Sara non foi quen de mirar” (Idem, p. 167) (Foto de Aurora Lapique).

Desde o seu regreso a Oviedo, Sara comeza unha nova etapa profesional e emocional na que vivirá grandes paixóns e se lle presentarán interesantes, inesperadas e arriscadas oportunidades, que lle espertan acotío fortes conflitos e intensos debates coa súa conciencia. Verase envolta nun mundo de traizóns, mafias e conspiracións que a levarán a un desenlace sorprendente que non podemos desvelar. Eu anímovos, aos que aínda non o fixestes, a descubrilo e a emprender esta viaxe apaixonante que nos atrapa desde o principio ao final da novela.

A estrutura circular de “Los disfraces de la traición” vese completada no último capítulo, o 22, onde aparece Sara, sentada no mesmo banco do parque de San Francisco, que ocupara, desolada, no capítulo 1, cinco anos antes. Xa tiña outra vida que se fora tecendo devagariño ao longo dese tempo.

Lea también

Matar al mensajero Mato-( Enrique Barrera Beitia)

Enrique Barrera Beitia Desde el pasado 13 de noviembre, el ex-alcalde socialista Ángel Mato ha …

Un comentario

  1. Muchísimas gracias, José, por traer tan bello recuerdo. Fue un honor que presentaras mi libro, «Los disfraces de la traición», en nuestro querido Pontedeume. Y esta magnífica reseña solo puede salir de una pluma privilegiada como la tuya. Siempre es un placer leerte.