O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol rexistrou e defenderá no pleno municipal que se celebra mañá unha moción co obxectivo de «defender o desenvolvimento de políticas que atallen a emigración que sufrimos no noso país«. En concreto o BNG pide que o Concello se dirixa ao Parlamento de Galiza para que tome en consideración a emigración como «un drama social e nacional, conciba este problema como unha emerxencia nacional e outorgue prioridade ás políticas que ataquen as súas causas, instando á Xunta de Galiza a impulsar políticas que aseguren o dereito a un traballo digno na terra e creen as condicións para favorecer o retorno das nosas persoas emigradas.«
Esta moción emarcase na campaña que esta a desenvolver a Plataforma Vía Galega baixo o lema de “Non emigramos, expúlsannos. Soberanía para crear traballo digno”, cuxos representantes asistirán ao pleno a defender esta iniciativa.
Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, nos últimos 10 anos (2008-2017 –últimos datos dispoñíbeis-) emigraron de Galiza 216.413 persoas con idades comprendidas entre os 16 e 54 anos, idades nas que se concentran a maior parte das persoas demandantes de emprego.
Nese período 79.529 persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 29 anos «abandonaron o noso país«. Mozas e mozos que ante a falta de perspectivas de realización persoal e laboral «tiveron que coller a maleta para se gañar a vida fóra. Unha sangría para unha sociedade que criou e formou a unha xeración para que o seu coñecemento e o seu traballo contribúa ao progreso doutras sociedades en vez de reverter no país«.
A emigración mesmo está a poñer en perigo a propia viabilidade de Galicia. O impacto da emigración «é evidente no noso devalo demográfico e no avellentamento da poboación. A poboación activa de Galiza (persoas entre 16 e 65 anos que están traballando ou buscan emprego) representa menos da metade da poboación total«.
O BNG defenderá no pleno que para revertir esta situación deben ser eixos da acción política: «A defensa da base produtiva do país e dunha economía autocentrada, que mobilice os enormes recursos do país para xerar emprego e riqueza en Galiza e a creación de emprego digno e de calidade«.
O desenvolvemento de políticas sociais «que aseguren a igualdade e favorezan a conciliación da vida laboral e familiar e o compromiso desde o goberno municipal con políticas que promovan e lle dean forza aos sectores estratéxicos e ao tecido industrial de Galiza, nomeadamente o agrogadeiro, forestal, marítimo-pesqueiro, enerxético e das TIC«.