O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, visitaron esta mañá as instalacións da Biblioteca municipal, na Praza de España, con motivo da celebración do Día Internacional das Bibliotecas, acompañados por Carmen Porta, directora do centro.
O seu recorrido polas dependencias municipais arrincou polo depósito, onde a Biblioteca dispón de 27.846 volumes catalogados, os máis antigos do século XVII. Tamén visitaron o andar baixo, onde se pode consultar a prensa, tomar presentados os cedés e revistas. Mato e Golpe interesáronse tamén pola sala infantil, onde hai un andel dedicado a libros para pais.
Obra de Santos Juliá
Na primeira planta a directora da biblioteca mostroulles as diferentes seccións, e oalcalde interesouse polas biografías, os libros que estudou na universidade e por títulos como El último encuentro, de Marai Sandor; El amor en los tiempos del cólera, de Gabriel García Márquez, ou Santuario, de William Faulkner. Pola súa banda, o concelleiro fixo uso do seu carné da Biblioteca municipal e retirou en préstamo Historias de las dos Españas, do ferrolán Santos Juliá, falecido onte.
O alcalde e o concelleiro pasaron pola exposición bibliográfica Hispanoamérica: Cincuenta narradoras, os fondos locais da biblioteca con edicións ferrolás e diferentes historias da cidade, e a sala audiovisual, onde se celebran talleres, encontros de literatura e poesía e conferencias como a que terá lugar hoxe, ás 20 horas, a cargo de José Edelstein, recoñecido profesor de física e investigador no Instituto Galego de Altas Enerxías IFGAE.
“A importancia de ler”
Mato e Golpe animaron a todos os ferroláns a “visitar e facer uso da súa Biblioteca municipal”, un dos “tesouros” da cidade, en palabras do rexedor. Aproveitou a celebración hoxe do Día das Bibliotecas para recordar “a importancia de ler”, pois “abre a mente”, e sinalou que ao longo do ano o centro ofrece moitas actividades tanto para adultos como para nenos.
Pola súa banda, o responsable municipal de Cultura dixo que as bibliotecas “fan cidadáns moito máis libres e cultos” e lembrou que a inversión nestas dependencias “nunca será un gasto”. Introducirse nun libro é, dixo, “deixar voar a imaxinación”.
A biblioteca municipal de Praza de España recibe unhas 800 visitas ao día e conta con máis de 115.000 pezas entre os 100.867 libros, 4.160 cedés, 9.765 deuvedés, 792 do fondo electrónico incluídos os videoxogos e 112 publicacións periódicas entre prensa e revistas. Solo en 2018 o centro prestou 81.527 libros entre os 30.256 socios cos que rematou o ano.