A concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, deu conta esta mañá na comisión da área dun taller sobre o manexo de móbiles que INICE (Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas), dentro do seu programa Accións en favor da Igualdade subvencionado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, impartirá en colaboración co Concello de Ferrol na Casa da Muller entre os días 4 e 11 de novembro.
O programa, tal e como explicou a edil, está dirixido a mulleres empadroadas en Ferrol e pretende incidir na formación para mellorar a súa incorporación á sociedade e que estea presente nos novos sectores de emprego utilizando de forma habitual as novas tecnoloxías. Entre os seus obxectivos tamén está evitar o despoboamento das zonas rurais, especialmente as máis deprimidas.
O curso será de balde, contará con dúas edicións, unha de mañá, de 10 a 12 horas, e outra de tarde, de 17.15 a 19.15 horas, e haberá 10 prazas en cada unha. Os participantes recibirán unha explicación teórica dos contidos para poñelos en práctica utilizando exercicios creados polo propio docente. O temario inclúe axustes de teléfono, personalización da pantalla, xestión de contactos, uso do correo electrónico, galería de imaxes, WhatsApp, Facebook, Youtube e, por último, descargar e eliminar aplicacións.
Os participantes recibirán un certificado de aproveitamento sempre que cumpran con ao menos un 75 % de asistencia. Ao rematar, realizaranse enquisas de satisfacción para coñecer o grao de consecución dos obxectivos e a calidade das devanditas accións formativas. O prazo de inscrición estará aberto ata o 30 de outubro a través do mail casadamuller@ferrol.es.
Unanimidade na Declaración Institucional
Na comisión de hoxe tamén aprobouse por unanimidade de todos os grupos a Declaración Institucional co gallo da celebración o 25 de novembro do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. O dictame será levado o vindeiro xoves ao pleno e a declaración será lida nos actos institucionais do próximo 25 de novembro.