Esta mañá presentouse no campus universitario o cartel do festival Festeiro, que se celebrará o 28 de setembro na zona verde situada entre o centro cultural e o edificio de apoio ao estudo. O alcalde, Ángel Mato; a vicerreitora do campus ferrolán, Araceli Torres, e a concelleira de Xuventude, Cristina Prados, deron a coñecer os nomes dos catro grupos musicais que actuarán no festival, unha iniciativa municipal a través da concellería de Xuventude como xesto de benvida aos universitarios que escollen a cidade para cursar os seus estudos.
La Bien Querida, Airbag, Tachenko e Superglú serán as bandas que se subirán ao escenario a partir das nove e media da noite. En canto a La Bien Querida, os discos da bilbaína Ana Fernández-Villaverde son ben coñecidos polo público español, e neles demostra como a súa ambición vai máis alá do que reflectían aquelas gravacións caseiras: os seus xogos coas rumbas, coas influencias árabes e a electrónica, todo en sutís doses, demostran que o seu discurso musical gaña aínda máis forza xunto ás súas preciosas letras e as súas directas melodías. Cristina Prados lembrou que vén de presentar novo disco este mesmo ano e que o seu son ten influencias de grupos como Los Planetas.
Airbag, un trío de música rock procedente de Estepona, leva máis de 20 anos tocando e acumulando éxitos cos seus temas. Tras gravar dúas maquetas, Adolfo, Pepe e José Andrés lograron captar a atención do locutor Juan de Pablos, de Radio 3.
En Festeiro tamén actuarán os catro integrantes do Tachenko, un grupo de pop indie de Zaragoza, que, explicou Prados, “teñen propia identidade” dentro do xénero, e Superglú, unha banda ferrolá “que transmite moita enerxía”.
A vicerreitora mostrou a súa satisfacción por que esta iniciativa do Concello vaia “permitir que os nosos estudantes teñan un concerto de benvida neste curso” e porque incide no “interesante que é abrir o campus á cidade”. Por eses motivos agradeceu ao alcalde e á concelleira “permitirnos participar nesta boísima iniciativa”.
Para os estudantes e para toda a cidadanía
Ángel Mato falou da “aposta evidente” do Concello por la vida universitaria da cidade. Por iso, “quixemos reconducir o festival que se facía todos os meses de setembro e dirixilo como un festival de benvida a todos os estudantes universitarios”, dixo sobre un evento que será gratuíto para o público e que está aberto tamén a toda a cidadanía. O alcalde destacou que a Universidade “é un motor da cidade” e por iso o seu equipo está “a disposición” para levar a cabo calquera tipo de colaboración con ela. Nese senso, recoñeceu que o Festeiro serve para “facer unha escenificación” desa colaboración e avanzou que o próximo ano haberá dous eventos que permitirán a ambas institucións afondar nos seus lazos, como son o bicentenario do nacemento de Concepción Arenal e o Día das Letras dedicado a Carballo Calero.
Araceli Torres expresou o seu acordo co alcalde e asegurou que o campus está tamén aberto “a todas as colaboracións”.