O alcalde, Ángel Mato, respondeu esta mañá a preguntas dos medios sobre as molestias que están a causar aos alumnos as obras no colexio Cruceiro de Canido que “o Concello ten un soporte de persoal de limpeza moi importante” destinado a traballar para deixar as instalacións listas cada día para as clases, “pero máis importante é que as obras se coordinen, porque se non, todo o traballo que se fai non serve de nada”.
“O que me preocupa son os alumnos e as alumnas”, asegurou o alcalde, que insistiu novamente en que por parte da consellería de Educación é “imprescindible unha planificación axeitada para que o curso vaia con normalidade”. Mato explicou que o reforzo de persoal consiste en enviar “máis do dobre” de traballadores que se encargaban das tarefas ordinarias de limpeza e incidiu en que “debe haber unha limpeza de obra para que a continuación o Concello, co seu persoal, poida realizar o traballo coa garantía de que ao día seguinte os alumnos poidan acudir con normalidade” ás clases.
“Visiteino en tres ocasións desde que empezou o curso e para min a prioridade é que os alumnos non sufran ningún trastorno con motivo das obras que se están facendo”, insistiu Mato, que, non obstante, dixo que son “necesarias e importantes para o centro educativo, pero iso non quita que deben estar ben planificadas e organizadas para non provocar problemas”.