A zona da carballeira localizada xunto ao local social da Picota, na parroquia do Couto,en Narón, acolleu ao mediodía deste domingo a vixésima edición da Festa Gastronómica do Pemento do Couto. Preto de seiscentas persoas asistiron ao xantar popular celebrado baixo unha gran carpa e no que se degustaron douscentos cincuenta quilos de pementos do Couto, e trescentos de churrasco, acompañados de cachelos, pan e bebidas. A gran afluencia de público fixo que se esgotaran os tickets dispoñibles para o xantar, incrementándose a asistencia considerablemente con respecto a anteriores edicións, tal e como indicou a edil de Festas, Mar Gómez.
Xavier Alcalá, pregoeiro
A programación deseñada para a xornada deste domingo comezou pasada a unha do mediodía, co enxeñeiro e escritor Xavier Alcalá como pregoeiro desta edición da festa. Na súa intervención Alcalá repasou a historia desta hortaliza en diversos países do mundo e destacou as características da variedade do Couto, pementos que definiu como “verdes, doces e saborosos”.
Alcalá recibiu un agasallo de mans do presidente da AVV do Couto, Ramón Couto, que lle entegou unha figura de cerámica de Sargadelos, un carballo en recordo da carballeira localizada xunto ao local social da Picota.
Homenaxeados
A continuación procedeuse a entregar o Pemento de honra ao que fora presidente da entidade veciñal do Couto cando se celebrou a primeira edición desta festa, no ano 1998, Francisco Leira. O presidente da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, Tomás Casal, realizou o ritual do xuramento, previo ao ingreso na Orde, para a continuación a alcaldesa, Marián Ferreiro, poñerlle a capa da Orde e entregarlle unha placa co Pemento de Honra. Na placa figuran os nomes das dezanove persoas que formaron parte da directiva da AVV do Couto hai vinte anos xunto con Leira: Germán Coba, Marisol Luaces, Fina Vázquez, Xoán Manuel Gómez, Xoán Manuel Montero, Fernando Orjales, Félix Bellas, Carmen Pena, Carmen Riobó, Mercedes Acción, José Luis Leira, Manuel García, David Sanjurjo, Soraya Martínez, Xoel Rodríguez, Angelines Martínez, Isabel Bolaño e Evaristo Sanjurjo.
Algúns deles asistiron tamén ao evento, que continuou coa intervención da alcaldesa, Marián Ferreiro. A rexedora local felicitou a tódolos integrantes da directiva homenaxeada, subliñando o feito de que foi precisamente grazas ao seu traballo, e ao da por aquel entón concelleira de Cultura, Elvira Fontán e de persoal da Cooperativa do Val como xurdíu esta festa que celebra o seu vixésimo aniversario. Ferreiro agradeceu tamén o labor da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto e a colaboración da veciñanza da parroquia e doutros concellos que non perden esta cita gastronómica na cidade, o que fai posible incrementar ano tras ano o número de asistentes.
Pola súa banda, Francisco Leira agradeceu no seu nome e no dos seus compañeiros o recoñecemento recibido e valorou o crecemento experimentado por esta celebración nos últimos anos, recordando tamén como se iniciou esta celebración. Unha vez rematadas as intervencións os asistentes dirixíronse á zona da carpa para continuar desfrutando deste evento co xantar popular e a actuación dun grupo musical.
Noites do Mosteiro
Á Festa gastronómica do Pemento do Couto súmase a programación das Noites do Mosteiro, celebrada na tarde-noite do sábado na parroquia. Ás 20.30 horas deu comezo un showcooking no local social, a cargo de Beatriz Sotelo, copropietaria do restaurante A Estación (A Coruña) que preparou tres elaboracións con pementos do Couto como principal ingrediente. Tartar de salmón con pemento do Couto, Trampantollo de pemento do Couto e Sementes de pemento do Couto encurtidas con xarda foron os pratos que Sotelo cociñou ante as persoas que asistiron a este showcooking, organizado en colaboración co Club Narón Gastronómico.
Tamén na xornada do sábado a partir das 23.00 horas iluminouse de varias cores o exterior do mosteiro do Couto e entre as 23.00 e as 00.30 horas celebráronse dous concertos de música de cámara, con gran afluencia de público nos dous pases organizados, no interior do cenobio de San Martiño de Xuvia, no Couto.
Organizaron un ano máis esta festa o Concello de Narón, a Asociación de Veciños do Couto, a Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto e a Cooperativa do Val