O Concello de San Sadurniño repara parte do tellado da antiga escola indiana da Leiriña

Escola Leiriña – Concello de San Sadurniño

Esta mesma semana comezaron en Ferreira os labores de reparación do tellado da antiga «Escuela Montevideo», situada no lugar da Leiriña. O inmoble, construído pola iniciativa emigrante da Arxentina e do Uruguai, leva varios anos sen uso e pola cuberta xa empezaban a aparecer filtracións e goteiras. Por iso o Concello decidiu destinar algo máis de 9.600 euros á restauración da auga que dá ao nordés, a máis afectada polo paso do tempo. A obra finánciase con recursos municipais provenientes do superávit de 2016 co que tamén se executou o amaño completo do lavadoiro da Fonte do Santo, no Camiño Arriba.

A escola da Leiriña é unha das dúas construcións impulsadas na parroquia pola «Sociedad pro-escuelas en Ferreira», fundada en 1915 polos emigrantes en Bos Aires e Montevideo para fomentar o progreso a través da alfabetización dos nenos e nenas. Co seu patrocionio erguéronse tanto esta edificación como a situada no lugar da Seara, en Ferreira de abaixo.

Malia que a sociedade naceu en 1915, a construción das escolas foi posterior. A da Leiriña -patrocinada polos emigrantes na capital do Uruguai- empezouse a edificar en 1927 e, segundo consta na placa de toelo que hai na fachada, estivo rematada en 1931. Tiña capacidade para atender un cento de nenas e nenos en dúas clases separadas duns 50 m² cada unha e con dúas vivendas para o profesorado -tamén separadas- no primeiro andar.

Adquirida en 1934 polo Concello, foi centro escolar ata que a baixa demográfica e a apertura do novo colexio en San Sadurniño deixaron o edificio baleiro. A partir de aí tería distintos usos: local para reunións sociais, colexio electoral e, máis recentemente, incluso como local de ensaio dun grupo musical. Actividades todas elas que nos últimos cinco anos foron indo a menos, debido en boa medida a que o principal referente para a veciñanza é hoxe a escola da Seara, rehabilitada totalmente polo Concello entre 2009 e 2010.

Nos seus 90 anos de historia poucas intervencións se fixeran no inmoble máis aló de pequenas reparacións de mantemento. E aínda así aguantou ben o paso do tempo, sinal de que o traballo de construción se fixo a conciencia a pesar dos desencontros monetarios que houbo nos anos 20 do século pasado entre a sociedade promotora e os encargados de administrar aquí os fondos provenientes de ultramar.

Do bo estado xeral da construción dán conta as excelentes condicións das trabes e da ripa de castiñeiro que, malia os anos, nin podreceron nin empenaron. Esa foi unha das razóns que levaron ao Concello a actuar xa. «Empezaba a haber filtracións e goteiras por culpa de tellas que se foron movendo polos temporais. Se só retelláramos por onde entraba a auga, dentro de pouco volveriamos estar na mesma e, ademais, tampouco teriamos garantías de que a humidade non acabase estragando a madeira. Repoñer parte do tellado agora supón un investimento importante, pero moitísimo menor que reparar os danos que seguramente se producirían dentro de pouco tempo«, explica Secundino García.

Os traballos, cuantificados en 9.600 euros, consisten en destellar e volver tellar a auga que dá ao nordés, aproveitando para revisar que a cara sur do tellado está aínda en bo estado. Tras unha primeira inspección, a empresa encargada das obras -Guerreiro Somozas S.L.- observou que a estrutura se encontra en boas condicións e que só será necesario sanear ou sustituír algúns elementos secundarios como paso previo á reposición da metade norte da cuberta.

A obra financiarase con recursos municipais trala incorporación de 230.000 euros do superávit de 2016 ao orzamento de 2017. Esa cantidade destinarase na súa maioría a un programa de mellora da rede viaria ao longo deste 2018, aínda que tamén se reservou unha pequena partida -14.000 euros- para restaurar completamente o lavadoiro da Fonte do Santo, no Camiño Arriba, que xa leva case un mes rematado.

Lea también

O Novembro, mes do humor continúa co espectáculo Eran elas de Avelino González

O Museo do Humor Xaquín Marín de Fene acolle este venres 22 de novembro, a …