A axenda do outono en San Sadurniño ten este sábado día 7 a folla riscada en vermello cos magostos que se van celebrar en Lamas e Igrexafeita.
Coa escusa das castañas, a veciñanza xuntarase nos locais sociais destas dúas parroquias para, obviamente, comer este froito, pero tamén para papar outras viandas, para parolar e pasalo ben cos espectáculos que as entidades organizadoras, Xuntanza de Lamas e Adiante de Igrexafeita, teñen preparados coa colaboración do Concello de San Sadurniño (A Coruña).
Xuntanza de Lamas preparou un magosto que arrancará ao mediodía no local do Chao cun xantar a base de callos, castañas, sobremesa e bebidas. O prezo é de 22 euros para as persoas socias e de 27 para as non socias, mentres que as nenas e nenos menores de 10 anos poderán asistir de balde. A sobremesa musical correrá a cargo da Coral Polifónica do Aturuxo de Melpómene, que ofrecerá as súas coñecidas versións galeguizadas e cargadas de retranca de grandes éxitos da música internacional.
En Igrexafeita, a asociación veciñal Adiante tamén se reunirá no local social da parroquia (no lugar da Torre), para gozar dunha programación que comezará ás 18:30 horas coa proxección de Antes de nós, dentro do Ciclo Mestre Mateo que promove a Academia Galega do Audiovisual coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de San Sadurniño. Ao rematar haberá un obradoiro de colares con zonchos e outras manualidades tradicionais dirixido á rapazada.
Unha vez que finalice o obradoiro, a iso das 20:00 horas, o Mago Charlangas ofrecerá o espectáculo de ilusionismo Atemporal. Sobre as 21:30 horas servirase a cea, que incluirá caldo, castañas asadas, xamón escaldado e sobremesa. O menú terá un prezo de 5 euros para as persoas socias e de 10 para as non socias.
Aínda que o prazo para anotarse rematou este mércores, as persoas que queiran participar nalgunha das dúas celebracións aínda poden probar a chamar aos teléfonos facilitados por cada asociación veciñal por se quedase algunha praza dispoñible. En Lamas, os números de contacto son o 618 838 760 e o 664 203 738. En Igrexafeita, pódese consultar nos teléfonos 696 912 975 e 650 484 580.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

