A biblioteca municipal de Neda acolle o xoves 12 de novembro, a partir das 19:30 horas, unha nova presentación da última obra do escritor coruñés Juan Galán.
Trátase desta volta do ensaio Rotspanier. Un miliciano galego no exilio francés 1939-1945, que recupera a historia dos milleiros de españois que, fuxindo de Franco, acabaron en mans de Hitler.
A obra, publicada por Editorial Galaxia dentro da súa colección Memoria, abordo o exilio dos republicanos galegos e españois no país galo a partir dun caso concreto, o de Joaquín Fernández Millán, mariñeiro de profesión da Pobra do Caramiñal, emigrado ao País Vasco na década de 1920, que loitou como miliciano no Exército de Euskadi.
O autor, acompañado polo bibliotecario local e escritor Juan José Lada, compartirá coa veciñanza, que decida achegarse a este acto aberto, pinceladas da peripecia vital deste Rotspanier, termo pexorativo co que os nazis se referían aos republicanos españois. Joaquín Fernández foi un de tantos que “cruzou os Pirineos para exiliarse en Francia, onde sería internado en campos de concentración durante a Segunda Guerra Mundial, forzado a traballar en compañías de traballo na zona controlada polo Goberno de Vichy, e, posteriormente, para a Organización Todt, na zona ocupada polos nazis, na construción do Muro Atlántico”, segundo apunta Galaxia.
Escritor e investigador da memoria republicana, Galán regresa a Neda, onde presentaba hai dous anos a novela Las tribulaciones de Bruno Lamas, con este ensaio que chegaba ás librarías neste 2026.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
