A comunicación libre Protocolo de Avaliación psicolóxica na dor crónica: resultados e propostas, dos psicólogos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, o Psicólogo Interno Residente, Eduardo Martínez Lamosa; e o Psicólogo Clínico, Amador Estévez Serantes, acadou o primeiro premio no marco das XXII Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que se celebraban hai unhas semanas en Betanzos. O obxectivo do estudo era coñecer os resultados que se producían trala aplicación dun protocolo de avaliación psicolóxica previamente á instauración dun tratamento fronte á dor: a neuroestimulación.
Tal e como indicaban na comunicación, “defínese como dor crónica aquela dor persistente (cando menos de seis meses), e que se resiste ós tratamentos médicos convencionais”. Estímase que o 17% da poboación sofre dor crónica; e constitúe un problema de saúde pública que causa sufrimento persoal e alta repercusión social. “Un manexo inadecuado da dor -explican estes profesionais- tradúcese nunha maior frecuentación ás consultas no centro de saúde e o hospital”. Nesa liña, as técnicas de neuroestimulación eléctrica constitúen unha estratexia de tratamento fronte á dor crónica refractaria, naqueles pacientes que teñen pasado xa por outras accións previas, incluída a cirurxía. Esta técnica complexa realízase na Unidade da Dor do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e trátase da implantación dun dispositivo no espazo epidural que emite descargas eléctricas que bloquean a sensación de dor.
Mellor elección do paciente para esta técnica
Estes profesionais parten da base de que unha adecuada avaliación psicolóxica previa dos e das pacientes contribúe a un menor número de fracasos da técnica, xa que a súa eficacia “pode verse mediatizada por factores, como expectativas, perfil de personalidade, estilos de afrontar, variables afectivas, cantidade e calidade da información subministrada ou estado de saúde físico ou mental”, entre outras moitas cousas. Por todo isto, consideran que se “debe seguir unha coidada selección de pacientes e o seguimento de rigorosos criterios de inclusión”. A avaliación psicolóxica é un dos elementos clave deste procedemento de cara a identificar a aqueles pacientes que teñen un maior potencial de ser candidatos a alcanzar uns bos resultados.
No marco deste traballo, analizaron os datos dos pacientes con dor crónica que foron propostos como candidatos para neuroestimulación, e contactados para ser incluídos neste protocolo de avaliación psicolóxica entre o os anos 2012 e o 2016. Un total de 52 pacientes. Estes profesionais conclúen na súa comunicación que “a neuroestimulación tense amosado como unha intervención eficaz«, xa que aproximadamente dous terzos do total de pacientes tiveron unha avaliación favorable trala intervención. “O protocolo de avaliación psicolóxica amósase como unha ferramenta útil dentro do procedemento para estudar o axuste entre o perfil psicolóxico e o idóneo da intervención”, resumen.
Eduardo Martínez destaca a “importancia da colaboración entre profesionais dos Servizos de Anestesia, responsables da Unidade da dor, e o de Psiquiatría. Este traballo cooperativo ten bos resultados para mellorar a calidade de vida do paciente e para un uso máis racional dos recursos”, subliña.