Durante estes días estanse levando a cabo tarefas de mantemento en varios parques infantís de Fene que presentaban algunhas deficiencias por mor do paso do tempo e tamén do uso. Os traballos consisten na reparación de pezas danadas nos xogos, pero tamén dos elementos de protección. O investimento total alcanza os 18.105 euros e os parques sobre os que se está actuando son o do colexio da Xunqueira, o de San Valentín, o da Praza Verde e o do paseo do Cádavo. Porén, este non é o único proxecto que ten o Concello de Fene en carteira en relación cos parques para a cativería, xa que tamén está pendente de adxudicar outro programa cifrado en cerca de 43.000 euros co que se prevé reparar os vestiarios da polideportiva de Magalofes e adaptar á normativa o parque da Praza Verde, o de Rosalía de Castro, o da Hortiña e o da Praza do 10 de Marzo, afectado por un temporal a principios de ano que estragou por completo os xogos da rapazada.
O temporal produciuse no mes de xaneiro e tirou varias árbores enriba do mobiliario do parque, que quedou totalmente desbaratado. O temporal non só desfixo os xogos, senón que tamén obrigou a paralizar un contrato de adaptación á normativa de seguridade e accesibilidade que xa estaba adxudicado e que, ademais deste parque de San Valentín, tamén prevía actuar sobre o da Praza do Ameneiral (Praza Verde) e o de Rosalía de Castro -en Perlío- e sobre o da Hortiña, en Limodre.
O proxecto houbo de reformularse para ver como solucionar os estragos na Praza do 10 de Marzo -que, previsiblemente, agora se converterá nunha zona multixogos- e para volver contratar uns traballos que inclúen, ademais, a reparación dos vestiarios da pista polideportiva de Magalofes, a reposición da instalación eléctrica exterior e a dotación do recinto cunha rede para a práctica do tenis.
En total hai reservados para este proxecto case 43.000 euros e con el daráselle resposta ás deficiencias detectadas nunha auditoría levada a cabo polo Concello de Fene en canto á planificación e xestión de zonas de xogo ao aire libre.
Á espera de que se resolvan as cuestións administrativas do contrato, o consistorio iniciou estes días un completo programa de mantemento co foco posto naqueles parques infantís máis utilizados e que requirían unha actuación máis urxente. Aos traballos -executados pola empresa Zona de Obra O Rosal S.L.- destináronse 18.000 euros cos que, principalmente, se reporán elementos de madeira danados e se repararán os xogos que o precisen, ademais do pintado de estruturas. Os labores atenden tamén á revisión e arranxo de sistemas de protección infantil que eviten atrapamentos e outros accidentes.
Con cargo ao este contrato estanse reparando os parques do colexio da Xunqueira, o de San Valentín, o da Praza Verde e a área de xogos do paseo fluvial do Cádavo. Ademais, o Concello tamén prevé actuar coa brigada de Obras no parque da escola unitaria de Sillobre.
Segundo a titular da área de Seguridade, Sandra Permuy, o obxectivo municipal é «deixar en perfectas condicións de uso e de seguridade» as zonas de xogo máis frecuentadas.