O alcalde, Germán Castrillón, informou esta mañá da posta en marcha dun novo Servizo de Orientación Laboral no Concello de Cabanas. O obxectivo é facilitar a inserción laboral das persoas demandantes de emprego e promover tamén o emprendemento. Así, o servizo prestarase na casa consistorial –pranta baixa- todos os xoves, de 8,30 a 14 horas.
A orientadora laboral ofrecerá información e asesoramento, facilitará o contacto co mundo laboral e acompañará ós veciños e veciñas no deseño, execución e mellora do seu proceso de busca activa de emprego.
Así mesmo, e dentro destas actividades do servizo de orientación incluirase a asistencia para o autoemprego, dirixida a mellorar as posibilidades de ocupación daquelas persoas usuarias interesadas no emprendemento.
Tanto no caso do autoemprego como en calquera outro que se estime oportuno, a ferramenta clave no traballo do Servizo de Orientación é o Itinerario de Inserción Persoalizado, que reflexa o proceso de independización da persoa demandante de emprego. Esta intervención faise sempre partindo dun diagnóstico da empregabilidade da persoa e doutro do seu contexto sociolaboral, analizando de forma positiva as súas potencialidades, e de forma crítica para a mellora as súas dificultades. A percepción de ir alcanzando os obxectivos marcados debe reforzar a motivación, consolidar a autoestima e potenciar a implicación no proceso de inserción.
O servizo nace da colaboración entre os Concellos de Pontedeume, Vilarmaior e Cabanas, que se aliaron para presentar o proxecto ante a Consellería de Economía e Emprego, quen subvenciona o servizo.