A Unidade de Medicina Preventiva trasládase ao segundo andar do centro de especialidades

A Unidade de Medicina Preventiva da Xerencia Integrada de Ferrol cambia de emprazamento. Pasa do primeiro andar do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol ó segundo andar do Centro de Especialidades deste mesmo hospital Arquitecto Marcide. Esta fin de semana realizábase o traslado, e, a partir de mañá martes 17, xa estará operativa no seu novo emprazamento, que implica máis espazo, xa que pasa de 38 metros cadrados a 52, máis comodidade, e incremento dunha consulta médica para unha segunda especialista en Medicina Preventiva que se incorporaba este ano. Investíronse ó redor de 21.500 euros na execución das obras necesarias para esta ampliación.

A poboación da área sanitaria ferrolá poderá acudir a esta consulta externa, que, entre outras moitas cousas, se ocupa da prevención de enfermidades; das vacinas tanto á poboación xeral como a pacientes con factores de risco; ou da consulta e atención a viaxeiros internacionais. Pero esta Unidade ten un carácter transversal e é fundamental para outros eidos dentro do ámbito hospitalario.

Accións de Medicina Preventiva

A especialidade de Medicina Preventiva e Saúde Pública implica “a práctica do fomento, elaboración, e aplicación de políticas de promoción e protección da saúde e da prevención da enfermidade, tanto para reducir a probabilidade da súa aparición, como para impedir ou controlar a súa progresión; así como a vixilancia da saúde da poboación e da identificación das súas necesidades”.

Isto tradúcese no ámbito da actividade diaria en actividades como a vixilancia e control da infección nosocomial -a que se produce no ámbito hospitalario- realizando estudos de incidencia, prevaleza e abrochos, ademais do control de infección por xermes con mecanismo de resistencia ou illamentos. Tamén participa en todo o relacionado coa hixiene e saneamento hospitalario, como a participación en comisión de compras e condicións de contratas de diversa índole relacionadas con isto, como a limpeza, por exemplo; a elaboración de normas de limpeza desinfección e esterilización; a participación na elaboración de plans de xestión de residuos; e controis de bioseguridade, entre outras.

Implicación en actividades para a poboación

Por outra banda, tamén está implicada en actividades sobre a comunidade, a poboación, coa participación no estudo de contactos de risco en determinadas patoloxías víricas, de transmisión sexual ou gastroenterites agudas; asesoría sanitaria en viaxes internacionais; colaboración en inmunizacións especiais en grupos de risco, como na campaña de vacinación que comezará este mesmo mes; e colaboración con autoridades sanitarias para o desenvolvemento de programas e intervencións colectivas en materia de saúde.

Ademais, funciona de apoio á xestión como órganos de asesoramento da dirección do Complexo Hospitalario Universitario, e realiza análise do entorno e de aqueles factores que poden influír ou modificar a actividade asistencial como indicadores socioeconómicos, de saúde (de mortalidade e morbilidade) e sanitarios. Participa en Comisións Clínicas; se ocupa tamén das enfermidades de declaración obrigatoria; e da elaboración de diversos protocolos.

Esta Unidade está formada por dúas facultativas. Este mesmo ano se incorporaba unha segunda profesional especialista en Medicina Preventiva. Ademais, conta con persoal de Enfermaría e auxiliar administrativo. Este servizo xestiona a súa propia axenda na consulta externa, tanto a de vacinas como a da atención a viaxeiros internacionais.

Engádese a isto que realiza interconsultas, tanto de atención primaria, como de pacientes hospitalizados, e das propias consultas externas que reclaman algún tipo de información ou atención. Realízase un seguimento diario de casos de alta en urxencias e dos pacientes illados; actúase diariamente tamén na base de datos de pacientes portadores de xermes resistentes; e estúdase a incidencia da infección de ferida cirúrxica limpa.

Xunto con isto, o xa citado estudo de investigación nosocomial, e da declaración de enfermidades denominadas de declaración obrigatoria, como a gripe. Colabora igualmente nos controis de bioseguridade ambiental de cabinas de farmacia e dos quirófanos, entre outras. Todo isto, para controlar o centro hospitalario e previr complicacións.

Só como exemplo de actividade, no que vai de ano realizáronse 269 interconsultas, e 1.271 vacinacións; ademais das actividades de control diarias mencionadas.

Lea también

Libertad con cargos para los cinco investigados por la reyerta acontecida el pasado domingo en Ferrol

La titular del Juzgado de Instrucción número 3 de Ferrol ha decretado en el mediodía …