A Xunta Local de Goberno deste luns 16, reunida na Sala de Alcaldes a primeira hora, aprobou a proposta para o proxecto básico e de execución para a ampliación do viario de acceso ao cemiterio municipal de Serantes. Conta cun orzamento de 227.433,86 euros (IVE engadido).
Este proxecto, que é unha vella demanda dos representantes veciñais, permitirá maior fluidez no acceso e na circulación no entorno da igrexa, agora que ven de rematar a obra executada pola Deputación coa execución dunha rotonda que comunica o viario DP 3612 co acceso a igrexa de Serantes.
Tamén se lle deu luz verde ao plan de seguridade e saúde elaborado por Tecnored S.A., para acometer a obra de substitución de iluminación pública no Concello de Ferrol, en concreto, na praza da Constitución, Cantón de Molíns, Cantón Baixo, Alameda de Suances e nos Xardíns das Angustias.Fase I, no barrio de A Magdalena.
A maiores, aprobouse o inicio expediente de contratación correspondente ao servizo de comedores senior, para os anos 2018 e 2019 cun orzamento máximo de 274-032 euros (IVE incluído), para a área de Benestar Social, Igualdade, Muller e Mocidade. A duración do contrato será de dous anos prorrogable por acordo das partes sempre que non supere os catro anos. Será unha convocatoria mediante procedemento aberto con multiplicidade de criterios de valoración e a distribución do gasto por anualidades sería o seguinte:
-2018: 137.280 euros (260 días)
-2019: 136.752 euros (259 días)
Por último, na Xunta de Goberno Local deste luns 16 abordouse un listado de 19 facturas por un importe de 24.301,00 euros, correspondentes a distintos servizos prestados ao Concello nas áreas de cultura e benestar pola adquisición de libros, en novas tecnoloxías ou seguridade e tráfico con distintas reparacións.