Villamar(BNG) invitou a López Balado(PP) a votar en contra do convenio entre Augas de Galiza e o Concello de Ferrol

O BNG rexeita a taxa de saneamento e a entrega da xestión da EDAR a Emafesa

O portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego de Narón, Pablo Villamar, invitou ao seu homólogo do Partido Popular, Marcos López Balado, a votar en contra do convenio entre Augas de Galiza e o Concello de Ferrol para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración da EDAR de Cabo Prioriño a Emafesa.

Villamar quere saír así ao paso das manifestacións do voceiro “popular” despois do último pleno nas que aseguraba que a veciñanza de Narón vai ter que afrontar unha “terceira suba” do recibo da auga. O concelleiro nacionalista lémbralle a López Balado que a súa formación aceptou os termos dos dous convenios anteriores e esgrimiu as declaracións do seu representante no pleno do 14 de xuño de 2012 nas que “minimizaba” as consecuencias económicas do texto dicindo literalmente o que segue: “Xa que di vostede –en referencia a Pablo Villamar- que os naroneses e naronesas imos ter que pagar tantísimos cartos, voulle lembrar que este ano 2012 o incremento do recibo de COSMA será de 0,66 euros ao mes, oito euros ao ano. Iso é o que vai supor o saneamento no recibo anual de cada naronés e para o ano próximo -2013- serán 16 euros”.

Por iso, o portavoz do BNG de Narón cre que a formación de López Balado está a enganar á veciñanza de Narón e, nesa liña, anímao a votar en contra do último convenio, como fixo o Bloque cos dous anteriores (2012 e 2015), unha proposta que fai extensiva ao resto dos grupos políticos con representación no pleno de Narón.

O BNG non variou desde o comezo

«A proposta do BNG non variou desde o comezo, a diferenza do que fixo o PP: que sexa Augas de Galiza a que xestione directamente a EDAR de Cabo Prioriño, como xa está a facer noutras trinta infraestruturas de todo o país ao abeiro do artigo 32 da Lei de Augas de Galiza, aprobada no ano 2010 e segundo consta no decreto posterior, de 2012, polo que se aproba o regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais e que veñen substituír o antigo canon de saneamento.

Nestes intres, Narón non está a pagar polo uso da EDAR e a proposta do BNG é que se faga a través do coeficiente de vertedura e non dunha taxa municipal». Villamar lembrou «que as encomendas de xestión da Xunta ao Concello de Ferrol e de este a Emafesa remataron a súa vixencia en xuño de 2016 e que ata abril deste ano non se aprobou no pleno de Ferrol, se ben non foi até o 1 de agosto cando se asinou o acordo entre a Xunta e o Concello veciño» . “Entre esas dúas datas”, explicou Villamar, “algo que é competencia da Xunta, como é a ordenación do ciclo integral da auga de uso urbano e o establecemento das bases para unha xestión eficiente dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración, estívoo a prestar dun xeito irregular Emafesa”.

O BNG lembra que desde o primeiro momento se opuxo á fórmula artellada polo Goberno do Estado e a Xunta de Galiza no convenio para a construción e explotación dos colectores e interceptores da marxe dereita da ría (2012) por ser terribelmente gravosos para a veciñanza de Narón.

A organización nacionalista considera igualmente “escandoloso” que naquel acordo se derivase cara aos Concellos o gasto das obras que non estiveran rematadas a 31 de decembro de 2015, “unha situación insólita e que supón un novo agravio comparativo para o Concello de Narón”. Tampouco avalou o sistema de encomendas establecido trala posta en marcha da depuradora, polas que o Estado lle entregou á Xunta a xestión da EDAR, esta fixo o propio co Concello de Ferrol e este con Emafesa.

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …

Un comentario

  1. Si en el convenio pone «augas de galiZa» puede votar nulo, en blanco o lo que le de la gana, porque es tan nulo como el referendum que montaron los amigos de villamar en cataluña