A Xerencia Integrada de Ferrol deu a benvida os alumnos de Mediciña que realizarán as prácticas

A Xerencia Integrada de Ferrol deu a benvida esta mañá ós 16 alumnos e alumnas da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que realizarán as súas prácticas na área sanitaria ferrolá durante este curso 2017-2018. Son a terceira promoción de alumnos nesta modalidade de formación, xa que, ata o 2015, acudían alumnos da Facultade de Medicina só en período non lectivo, no verán. Coa modificación do Plan de Estudos da USC, establécese un período longo de prácticas en sexto curso en diversos emprazamentos da área sanitaria ferrolá. Realizarán as súas prácticas na área sanitaria ferrolá, a partir do vindeiro luns 11 de setembro, e rematarán no mes de abril.

Os alumnos e alumnas puideron escoller calquera Xerencia do Sergas, e 16 escolleron Ferrol, 13 alumnas e 3 alumnos ós que se recibía hoxe no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo. Con esta formación, rematarán os seus créditos para a obtención do título de médico tras superar os exames correspondentes da USC. Esta mañá, estiveron cos alumnos no acto de benvida, a directora de Procesos de Soporte, Fernanda López Crecente; e o responsable de Docencia, Ramón López de los Reyes. Un total de 25 titores supervisarán estes traballos.

Como é a súa formación

Tras cursar as materias de Práctica Clínica en anteriores cursos, onde se achegan á atención hospitalaria e do centro de saúde e adquiren competencias xerais, chega o momento de afondar en competencias máis específicas en cada ámbito, e afianzar os coñecementos máis globais. O obxectivo xeral desta rotación na área sanitaria ferrolá é que os estudantes pasen por áreas específicas durante períodos de tempo concretos. A organización corresponde ós coordinadores docentes de cada centro, pero organízanse quendas para que todo o alumnado pase por diferentes materias clínicas, cirúrxicas, e de servizos centrais, tanto no ámbito hospitalario como nos centros de saúde. Así, aproxímanse a Medicina Interna, Dixestivo, Cardioloxía, Cirurxía Xeral, Neuroloxía, Traumatoloxía, Xinecoloxía, Pediatría, Psiquiatría, Anestesia, Reumatoloxía, Nefroloxía, Oncoloxía, Neumoloxía, Dermatoloxía, Urxencias e Centros de saúde.

Posteriormente, fanlle un exame de tódalas materias en Santiago de Compostela, unha Avaliación Clínica Obxectiva Estruturada (ACOE) de habilidades necesarias, e que se consideran básicas na atención ós pacientes. As denominadas estacións, coas que os avalían, son situacións clínicas nas que hai que actuar dun xeito común a todas elas, non só dende o punto de vista clínico, senón dende a actitude: comunicación e trato ó paciente; atención á familia; saúdo inicial; habilidades clínicas básicas, como a realización da entrevista clínica ou as técnicas de exame físico; habilidades preventivas; orientación diagnóstica e solicitude de probas complementarias; toma de decisións; ou manexo de material técnico.

Lea también

El martes inauguración del «Rastrillo» de la A. Nuestra Señora del Carmen

La asociación “Nuestra Señora del Carmen” de Ferrol celebrará desde el martes 26 de noviembre, …