Un curso de fructicultura e outro de transformación de alimentos, en San Sadurniño

A área de Desenvolvemento local de San Sadurniño, en colaboración coa AGFA e coa FRUGA, vai ofrecer desde mediados deste mes dous interesantes cursos centrados nas posibilidades económicas e de emprego do rural. No caso da Asociación Galega da Froita Autóctona, a proposta consiste nun curso de fructicultura que tocará todos os temas relacionados coa plantación e mantemento dunha explotación, sexa doméstica ou profesional. Por outra banda, a Federación Rural Galega levará ao local social de Lamas unha acción formativa dirixida a mulleres desempregadas que tratará sobre a transformación e conservación de produtos agroalimentarios, cunha marcada orientación á ecoloxía e a sustentabilidade. Ambos cursos son gratuítos para a veciñanza de San Sadurniño e teñen xa aberto o prazo de inscrición, que poderá facerse chamando ao Concello, 981 490 027.

A formación sobre fructicultura está deseñada para aquelas persoas que queiran iniciarse ou mellorar os seus coñecementos sobre a produción das árbores froiteiras. O docente será o técnico na materia Alberto Varela, que abordará cuestións como a morfoloxía da árbore e as técnicas de plantación, pero tamén os traballos de mantemento, poda e enxertado. O curso incluirá un apartado sobre as enfermidades máis habituais e o seu tratamento e, por último, tamén tocará os procesos de colleita e transformación de froitas e hortalizas.

Serán de 24 horas formativas que se desenvolverán os sábados entre o 16 de setembro e o 14 de outubro en sesións intensivas de mañá -das 9.30 ás 14.00h.-, impartindo a teoría na Casa da Xuventude e a práctica na horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos.

Hai dispoñibles un máximo de 25 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición chamando ao Concello ou, mellor aínda, contactando directamente con José Bellas -647 016 351-, un dos responsables da Asociación Galega da Froita Autóctona. O prazo finaliza o venres 15 de setembro.

O curso é de balde para as persoas socias de AGFA ou veciñas do concello de San Sadurniño. Para o resto terá un prezo de 25 euros. O pagamento deberá facerse o primeiro día de curso.

Curso de transformación de produtos agroalimentarios

A outra proposta, tamén é gratuíta, centrarase na transformación e conservación de alimentos, con especial atención a alternativas máis saudables que os métodos habituais. Neste caso a organizadora é a Federación Rural Galega -FRUGA- en colaboración co Concello, mentres que da docencia se encargará Anabel Varela (Black Emma nas redes sociais), quen leva tres anos traballando nun proxecto persoal de comida vegana e ecolóxica logo de ter pasado polo mundo da hostalaría e da restauración convencionais.

Serán 30 horas lectivas repartidas en 7 días nos que se explicarán, entre outras cousas, prácticas ancenstrais que axudan a preservar os alimentos xunto con outras técnicas máis modernas que minimizan a perda de nutrientes.

Máis en detalle, Varela falará sobre alimentos fermentados e encurtidos, sobre distintos tipos de pan, da deshidratación de produtos frescos e elaborados, das conservas envasadas e os procesos de pasteurización, dos leites elaborados partindo de legumes e cereais e, por suposto, de hixiene e de seguridade cando se traballa na cociña. Ademais das explicacións teóricas, esta actividade tamén inclúe a posta en práctica do aprendido en cada sesión.

O lugar elixido para o curso é o local social de Lamas e as datas fixadas son o 21, 22, 25, 26, 27, 28 e 29 de setembro nun horario aínda por determinar. Poderán participar mulleres desempregadas -non deben estar dadas de alta na Seguridade Social- e a inscrición debe facerse chamando ao Concello, 981 490 027.

Lea también

Fene informa sobre o cobro polo tratamento de augas residuais

Trátase da aplicación dunha ordenanza fiscal posta aprobada en 2014, pero que non fora posta …