San Sadurniño organiza unha quedada «Iger» no Sons na Cortiña do próximo domingo

«Iger” ou “Instagrammer” son dúas palabras que aínda non forman parte de ningún dicionario pero que son de sobras coñecidas pola xente nova. As dúas significan o mesmo -Iger é a abreviatura de Instagrammer- e refírense ás persoas con perfil e certa actividade na rede social Instagram, a plataforma preferida pola rapazada entre 12 e 18 anos para facerse ver en internet, aínda que tamén conta cunha inmensidade de usuarios e usuarias de máis idade, entre eles o Concello de San Sadurniño. En Instagram as protagonistas son as fotografías e os vídeos cun certo aspecto retro compartidos ao instante acompañados de pequenos textos e etiquetas temáticas. A estas alturas pouca explicación precisa esta auténtica raíña dos dispositivos móbiles á que o festival Sons na Cortiña lle adicará un apartado na tarde deste domingo. E é que para ese día se lanzou a convocatoria dunha quedada iger á que se agarda a asistencia de instagrammers de dentro e fóra de San Sadurniño co obxectivo de achegar a súa particular visión en vídeo tanto do festival como do contorno natural do Xuvia. O punto de encontro é a haima de información do Concello ás 16.00h. e as etiquetas que se usarán serán #IIISonsnaCortiña, #Igersansa, #Igerscoruna, #IgersACoruña e #IgersGalicia.

O evento está aberto a calquera persoa con perfil nesta rede social e non fará falla ter experiencia previa. De feito, quen non teña Instagram e queira participar recibirá axuda para crear o seu perfil nunha pequena benvida ás persoas participantes que se dará no punto de encontro pouco antes de comezar. Iso si, fai falla que todo o mundo traia móbil ou táblet con conexión a internet.

Na charla introdutoria, ademais da benvida, tamén se darán algúns consellos técnicos e explicarase o funcionamento da quedada, que estará centrada na elaboración de pequenos vídeos sobre calquera tema que as persoas participantes queiran recoller dentro do espazo do Sons na Cortiña: os concertos, os xogos, a loita de sumo, o que se coce nos food-trucks… ou a natureza que rodea o festival, asentado en pleno paseo fluvial do Xuvia.

A diferenza doutras quedadas Iger, nesta de San Sadurniño -a primeira que se organiza deste tipo- non se planificará un itinerario, senón que só se dará a consigna de contar o que hai no Sons. Esa é a razón de que se marcase como etiqueta temática das publicacións o hashtag #IIISonsnaCortiña.

Cadaquén será libre de facer como queira. Poderá subirse un vídeo cun único plano, un vídeo editado previamente, un vídeo gravado con outro dispositivo -cámaras gopro, réflex, dji e similares-, un vídeo feito a partir de fotos… non hai límite nin tecnolóxico nin creativo. Só iso, que deben ser vídeos, aínda que nada quite de facer tamén fotografías e empregar nelas tanto a etiqueta principal como as outras recomendadas, #IgersACoruña, #IgersGalicia e, sobre todo, #Igersansa, arredor da que se pretende impulsar un grupo creativo en San Sadurniño.

O obxectivo desta primeira quedada de instagrammers é completar dun xeito distinto as actividades do Sons na Cortiña”, explica Sabela Íñiguez, titular da área de Mocidade. Porén, tal e como apunta a concelleira, o encontro tamén busca “resumir un mesmo festival e un mesmo contorno con imaxes e con distintas ópticas que despois se poidan ver agrupadas tematicamente como un grande mosaico na rede. Queremos que cada vídeo sexa como o píxel dunha imaxe e que todos eses píxeles xuntos nos ofrezan unha perspectiva do Sons distinta e sorprendente”, sinala Íñiguez.

Por outra banda, a concelleira tamén explica que introducir vídeo no Sons na Cortiña ten a finalidade de aproveitar todo o potencial de Instagram para contar cousas e crear comunidade. Nestes momentos o perfil municipal @concellosansa nesta rede posúe 575 persoas seguidoras que, a segundo Sabela Íñiguez Cinza “non son moitas, pero si bastantes se temos en conta que case non publicou nin se promocionou. Os concellos podemos e debemos explorar as posibilidades de Instagram como ferramenta de comunicación e de conexión coa mocidade, algo que a propia xente nova nos pide”.

Alén desta cuestión, a área de Mocidade tamén pretende que a videoquedada iger do domingo sexa o aperitivo audiovisual da programación do IV Chanfaina Lab que terá lugar na fin de semana do 1 ao 3 de setembro coa participación de cineastas locais e outros chegados de fóra, como o multipremiado Óliver Laxe.

Un programa completo para inspirarse

E materia prima para a creatividade vai sobrar durante a xornada do III Sons na Cortiña. Quen veña sobre as 12.00h. xa poderá gozar de xogos e obradoiros -circo, pulseiras, camisetas, xogos xigantes, crebacabezas, etc.-. A iso das 14.00h. teremos a sesión vermú con Os Modernos e, ao seu remate, haberá unha pequena pausa para xantar -no recinto instalaranse camionetas de comida- e a actividade reanudarase ás 16.00h. coa quedada iger e cun tatami para emular os loitadores de sumo e botar unhas boas risas.

Para as 17.00h. está programado o espectáculo humorístico “Circus Magníficus” e, xusto despois, sobre as 18.00h. comezarán os concertos musicais de The Kids Band Ferrol, De Vacas -19.15h.- e Natural Green, que pechará o III Sons na Cortiña a partir das 20.30h.

O Festival Sons na Cortiña está organizado polo Concello de San Sadurniño en colaboración coa Deputación da Coruña e a Asociación AC/DZ.

Lea también

Cedeira reparte no municipio o XXVIII boletín As7Parroquias

O Concello de Cedeira reparte estes días polo municipio un novo número do boletín As7Parroquias, …