O Concello busca a implicación da veciñanza no proxecto estratéxico de turismo “Cabanas A Fraga Feita Mar”. E, con ese obxectivo, vén de iniciar unhas xornadas divulgativas entre os diferentes colectivos e asociacións da localidade. O obxectivo é dar a coñecer o programa e lograr a súa involucración activa, de modo que isto redunde nunha mellor e máis efectiva promoción turística de Cabanas.
Así, mañá mércores, 23 de agosto, o salón de plenos da consistorial acollerá unha destas charlas ás 20 horas. Estará dirixida fundamentalmente ó colectivo de mulleres, polo que o Concello anima á participación destas na iniciativa.
As xornadas arrancaban a semana pasada con charlas destinadas á infancia. Para iso, o Concello daba a coñecer o proxecto ós participantes da ludoteca municipal e dos campamentos deportivos. Nas mesmas non só se facilitou información sobre os principais recursos turísticos de Cabanas, senón que tamén se recabou a opinión dos máis pequenos para mellorar os servizos e dotacións para a infancia no municipio.
Nas vindeiras semanas, o Concello programará novas charlas no marco do plan estratéxico de turismo.