Producíronse un total de 298 ictus na Xerencia Integrada de Ferrol dende a activación do Plan Galego de Atención ó Ictus, en xuño de 2016. O Plan permite diminuír a mortalidade das persoas que sofren un ictus isquémico en Galicia. O seu obxectivo é reducir o tempo transcorrido entre o inicio dos síntomas e a chegada ao hospital, diminuír a demora na confirmación diagnóstica, adecuar o procedemento terapéutico ás necesidades específicas asistenciais do paciente e coordinar a actuación entre os distintos profesionais.
A 21 destes 298 pacientes, practicóuselles fibrinolise intravenosa. Un dos aspectos máis salientables do Plan foi a creación dunha Central de Atención ao Ictus (CAI) para toda Galicia, coa que pode conectar calquera médico dun servizo de urxencias hospitalarias que atende a un paciente con ictus. Deste xeito, achégase a mellor atención ao paciente, independentemente do lugar no que se atope.
Importancia de detectar os tres F: Fala, Forza e Faciana
O Ictus é toda lesión que se produza no cerebro debido a un problema vascular; e este ictus pode ser hemorráxico ou isquémico. Este último, o máis habitual é o resultado dun déficit de perfusión ou irrigación nunha parte do cerebro, o que provoca un deterioro ou morte do tecido cerebral. Normalmente, maniféstase con perda de forza, de visión, de sensibilidade, ou tamén con alteracións na fala, o que se coñece como as tres F, Forza, Fala e Faciana, claves para recoñecer un ictus e alertar do mesmo o antes posible. Fala, non ser capaz de dicir correctamente palabras simples; Forza, non poder elevar os brazos á mesma altura máis de dez segundos; e Faciana, non mostrar tódolos dentes ó sorrir.
A Xerencia Integrada de Ferrol xa conta cun Protocolo de atención e tratamento do ictus isquémico en fase aguda dende o ano 2013, elaborado por un equipo multidisciplinar de profesionais da área sanitaria e que se complementaba dende o pasado ano co plan autonómico. O protocolo ferrolá xa daba resposta ó que se consideran os tres piares básicos que melloran a morbimortalidade -os factores discapacitantes- no caso dun ictus: a atención multidisciplinar e organizada; o tratamento recanalizador ou fibrinolítico; e a rehabilitación precoz. Este protocolo implicaba ordenar a atención, e minimiza-las variacións que se puideran producir, para que tódolos profesionais implicados na atención a un ictus actuaran do mesmo xeito. Aporta, de xeito global, a mellora da atención ó paciente cun ictus isquémico; unha atención organizada na cadea de atención ó paciente con ictus no Complexo; unha mellor selección dos pacientes que se podan beneficiar dos tratamentos que existen en fase aguda; unha precoz aplicación deses tratamentos dispoñibles; e unha maior calidade de atención cunha actualización continua en novidades e futuros tratamentos.
Ictus ou accidente cerebrovascular
O ictus ou accidente cerebrovascular é unha enfermidade, como xa se dixo, producida por un trastorno brusco da circulación cerebral que altera o funcionamento dunha ou varias áreas do cerebro. A interrupción do fluxo sanguíneo provoca unha diminución da achega continua de osíxeno e nutrientes que precisan as neuronas para poder desenvolver as súas funcións. Existen fundamentalmente dous tipos de ictus: o isquémico, que é o máis frecuente, e prodúcese pola obstrución ou taponamento dun vaso, que impide que o sangue chegue a unha ou varias áreas do cerebro e que pode ser transitorio. Se esta situación se mantén no tempo, pode quedar unha lesión permanente na rexión afectada. O segundo tipo é o hemorráxico que, aínda que menos frecuente, orixínase como consecuencia da ruptura dun vaso dentro do cerebro ou nas súas envolturas e causa unha hemorraxia cerebral.
Esta patoloxía é o resultado da confluencia dun determinado estilo de vida e de circunstancias persoais. Os factores de risco máis importantes son a idade (máis frecuente en maiores de 60 anos); os antecedentes persoais ou familiares de enfermidades cardiovasculares; a hipertensión arterial; as dislipemias (colesterol e outros lípidos aumentados); a diabetes mellitus; o consumo de tabaco, alcohol e drogas; e a vida sedentaria. É moi incapacitante, e supón unha repercusión importante no entorno familiar.
A atención ó Ictus está no Plan de Prioridades da Consellería de Sanidade porque é a primeira causa de discapacidade no adulto e unha das principais causas de morte. En Galicia, é a primeira causa de morte en mulleres e a segunda en homes. O ictus preséntase de forma brusca e inesperada. Constitúe unha emerxencia médica que require dunha intervención inmediata para realizar o diagnóstico e o tratamento, porque canto máis tempo dure a interrupción do fluxo sanguíneo cara o cerebro, maior será o dano.
Activación do Plan Ictus
O Plan de Ictus galego require unha estreita colaboración entre os servizos de emerxencias médicas, os centros sanitarios, e os centros de referencia. Neste senso, cando unha persoa sufra algunha das síntomas mencionadas e resumidas nos tres F: Fala, Forza e Faciana, deberá chamar ó 061. Nese momento, o médico deste organismo confirmará a existencia do ictus a través do protocolo específico, activará un código ictus, e unha ambulancia recollerá ó paciente para o seu traslado ó hospital máis próximo, mentres a central do 061 avisa da súa chegada. Unha vez no hospital, terá acceso prioritario ó Servizo de Radioloxía do centro, onde se lle fará unha TAC cranial diagnóstica.
De xeito xeral, os médicos de urxencias contactarán co Centro de Atención ó Ictus, que estará dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano. Naqueles casos que polas súas características sexan susceptibles de fibrinolise (recanalización vascular), esta medicación será administrada no propio servizo de urxencias. Na área sanitaria ferrolá, os pacientes pódense beneficiar deste tratamento recanalizador, administrado no propio Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
Logo da avaliación ou aplicación deste tratamento, se é o caso, decidirase se o paciente é candidato a ser trasladado a un hospital de referencia cunha unidade de ictus -en Galicia hai tres, na Coruña, Santiago e Vigo- para a realización dunha trombectomía (tratamento novidoso que implica a extracción do trombo da arteria, que é o que está a provocar o dano cerebral). O traslado farase no menor tempo posible e, unha vez alí, realizarase un tratamento mediante neuroloxía intervencionista consistente en recanalizar a obstrución da arteria que está producindo a falta de circulación no cerebro.
Recordar que a prevención do ictus é a mesma que para as enfermidades cardiovasculares: dieta san, control da tensión, do azucre, e do colesterol; evitar tóxicos, como o tabaco; e facer exercicio.