A grafía da emoción, en Fene

Pablo Bouza – Concello de Fene

Estimular a sensibilidade poética, fomentar a creatividade literaria no ámbito da poesía, internarse na riqueza da linguaxe poética, achegarse ao texto poético desde unha perspectiva distinta, traballar a expresión escrita e oral en diversos soportes, practicar técnicas poéticas, fomentar o gusto pola lectura poética e enfrontarse ao público (recital de poesía)… Son algúns dos obxectivos do obradoiro de creación literaria que organiza en Fene a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) co patrocinio da Deputación da Coruña e Consellería de Cultura e coa colaboración da Concellería de Cultura e da Biblioteca Municipal de Fene.

Con esta actividade, que dirixirá o poeta fenés Pablo Bouza Suárez, preténdese “transmitir a experiencia apaixonante do acto creador” e “ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces”.

O obradoiro desenvolverase na Aula de estudo da Biblioteca Pública Municipal “Xosé María Pérez Parallé” entre os meses de setembro e novembro de 2017 (comezará o 14 de setembro e concluirá o 16 de novembro). Terá unha duración de 20 horas repartidas en 10 sesión de dúas horas cada unha e razón de unha sesión por semana. As clases serán os mércores ou xoves en horario de tarde, de 18.30 a 20.30 horas.

A metodoloxía do obradoiro será lúdico-descritiva (explicación, exemplificación, actividades e xogos). Nel fomentarase o traballo individual e en grupo, realizándose distintas propostas de lecturas e exercicios de escritura en cada sesión. Tamén se procurará a participación activa das/os compoñentes do grupo sobre as propostas dadas no obradoiro. E, por último, cada un dos/as participantes compartirá cos/as compañeiros/as as súas inquedanzas literarias, para ver, en e cos/as outros/as, a súa diferenza.

Segundo informan dende a Concellería de Cultura de Fene, as persoas que queiran participar no obradoiro de creación poética poderán anotarse do 1 ao 12 de setembro na Biblioteca Pública Municipal “Xosé María Pérez Parallé” nos seguintes horarios: do 1 ao 8 de setembro, de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas. Os días 11 e 12 de setembro o horario será de 16:00 a 20:30 horas.

O único requisito que se esixe para participar nesta actividade é ser maior de 16 anos. Polo demais, a inscrición é gratuíta e as prazas (máximo de 20) adxudicaranse por orde de inscrición.

A Escola de Escritoras e Escritores da AELG é unha iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos.

Lea también

A Alianza Aresana acolle a presentación de ‘Material sensible’, de Concha Tejada

Como xestionar a alta sensibilidade de forma amable, creativa e sostible? Que historias poden inspirarnos …