Alumnos e alumnas de enfermaría de Ferrol e da aula hospitalaria do CHUF aprenden xuntos anatomía

Alumnos e alumnas da materia de Anatomía do primeiro curso do Grao de Enfermaría da Facultade de Enfermaría e Podoloxía de Ferrol e os nenos da aula hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol aprenden xuntos os sistemas básicos do corpo humano a través do programa Aprendemos saúde cos alumnos de Enfermaría, seguindo a liña de colaboración entre o Campus de Ferrol e o Servizo Galego de Saúde. É a terceira edición deste proxecto que comezaba hoxe, e se prolongará ata o mes de maio. Estes alumnos, un total de 49, dividiranse en seis grupos, e o primeiro deles abordou hoxe o sistema nervioso.

Co asesoramento do profesional de enfermaría e mestre de Anatomía da Facultade, Avelino Castro; e coa mestra da aula hospitalaria, Pilar Porta, estes alumnos de Enfermaría organizan diferentes actividades didácticas para achegar ós nenos e nenas hospitalizados información sobre algúns dos sistemas básicos do corpo humano como o circulatorio, respiratorio, dixestivo, endocrino, nervioso e xenito-urinario. As actividades son creadas especialmente para a aula, e nesta ocasión xogaron coa percepción das cores, cun especial Pasapalabra, e crearon unha neurona xigante. Noutras edicións foron, entre outras, puzzles, xogos de preguntas e repostas, alumnos anuncio, ou reprodución dos sistemas con materia de reciclaxe.

O alumnado ten unhas xuntanzas previas, nas que se intercambia información sobre as peculiaridades da aprendizaxe dos nenos e nenas hospitalizados, e os coñecementos que estes tiñan en xeral sobre anatomía básica. A mestra da Aula hospitalaria destaca a capacidade e o enxeño dos alumnos, xa que é moi difícil elaborar material para nenos con idades tan diferentes como as que te podes encontrar cada día na aula. Como novidade este ano, á dificultade propia da actividade, engádese o feito de que teñen que desenvolver os xogos que collan nunha única carpeta para facilitar o seu manexo ó longo do ano por tódolos nenos que pasen pola aula.

Xa na sesión na propia aula, e cos nenos e nenas hospitalizados, os alumnos e alumnas da Facultade preséntanse cando chegan; coñecen as particularidades de cada un dos nenos cos que van falar; e dan unhas pinceladas cunha presentación do sistema que van tratar nesa sesión. E, trala exposición, comezan así as actividades lúdicas, diferenciadas, e traballadas previamente, para que os nenos xoguen e aprendan. O primeiro día dedicouse ó sistema nervioso, diferenciando as distintas partes, sabendo onde se sitúan, e que fan, a través dun Pasapalabra especial para a ocasión.

O traballo non remata aí, xa que a mestra da aula hospitalaria intercambia posteriormente impresións cos nenos e nenas hospitalizadas, que fan, entre outros, traballos de redacción sobre esta experiencia. Tanto a mestra da aula como o profesor da facultade destacan que “é unha actividade moi positiva tanto para os nenos ingresados, porque é unha actividade nova que se sae da rutina, como para os alumnos de Enfermaría, porque é a súa primeira interacción co que vai ser o seu mundo laboral”, indica Pilar Porta, a mestra da aula hospitalaria.

Colaboración, aprendizaxe e saúde

Esta actividade supón a colaboración entre dous ámbitos docentes, que implican niveis educativos diferenciados, pero que presentan como eixe común dous conceptos fundamentais: saúde e ensinanza. Os obxectivos para o alumnado a da aula hospitalaria é achegarse a conceptos básicos de Anatomía, localizar os órganos fundamentais no corpo humano, e ser quen de comprender as funcións básicas do mesmo.

Por outra banda, os alumnos da Facultade “coñecen e identifican a estrutura e función do corpo humano; aprenden a aprender, a comunicarse de maneira efectiva nun entorno de traballo, e adquiren capacidade de análise e síntese. Xunto con isto, tamén adquiren a capacidade de se comunicar con persoas non expertas, e de se expresar correctamente, tanto de forma oral coma escrita”, aspectos correspondentes ás competencias da súa titulación.

Os alumnos e alumnas da Facultade, trala actividade, teñen que avaliar a súa experiencia cunha memoria que recolla unha reflexión final. Todos eles coinciden no carácter “enriquecedor” do que, para a maior parte deles, é o primeiro contacto co hospital.

Lea también

El conselleiro de Cultura visita las obras de rehabilitación de la torre sur de la concatredral de San Xiao

La concatedral de San Xiao continúa con su rehabilitación, en una obra financiada por la …