O Rato Fuco chegará este venres á sala infantil da biblioteca municipal de Fene acompañado dos tres ratiños máis novos de Lonxedetodo. Ratos fedellos e desobedentes que Fuco tentará facer apousar a base de entretidas historias.
Esa é a trama principal da montaxe de Trinketrinke Teatro inspirada na serie de libros sobre ratos escritos polo estadounidense Arnold Lobel e traducidos ao galego por Kalandraka.
Trátase dunha sesión de contacontos coa que a biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé quere celebrar a data do 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, en compaña dos nenos e nenas máis pequenas.
Fuco contaralles, entre outros, os “Contos de ratiños” e “Sopa de rato”, tamén de Arnold Lobel. Será a partir das 18.00h. con entrada de balde ata completar a capacidade da sala. A montaxe está recomendada especialmente para rapazada de entre 3 e 8 anos e enmárcase no programa Ler Conta Moito 2017 da Xunta de Galicia.