A décima edición do “Encontro de debate sobre o medio rural galego” comeza mañá nas instalacións de Aldea Nova

Coas mans na terra, empoderando o rural” é o lema da décima edición do “Encontro de debate sobre o medio rural galego. Na procura dun Plan de educación específico para o rural”, que se desenvolverá esta fin de semana nas instalacións de Aldea Nova (Sedes). O grupo de educación no rural Nova Escola Galega (NEG) e o Concello de Narón organizan esta convocatoria, que terá lugar os días 31 de marzo e 1 e 2 de abril. Unhas corenta persoas, tal e como apuntaron desde NEG, participarán nesta cita, que se inaugurará oficialmente mañá ás 17.30 horas. No citado acto participarán representantes de NEG, a edil de Ensino de Narón, Mercedes Taibo, e integrantes das entidades colaboradoras: a AVV Rosa dos Ventos, o Ateneo Aldeán, o colectivo Fororuralgalicián e o CRA de Narón.

O primeiro bloque dos catro nos que se divide a iniciativa, sobre “Alternativas para o mundo rural”, desenvolverase mañá entre as 17.30 e as 00.00 horas. Un obradoiro sobre o amasado do pan, a cargo de veciñas e veciños de Sedes, marcará o inicio dos obradoiros, a partir das 18.00 horas, cun programa que na xornada de mañá continuará ás 18.30 cun relatorio e debate sobre “Programas de desenvolvemento rural e Grupos de Acción Local Seitura 22” para, ás 19.15 dar comezo unha Mesa aberta sobre “O valor económico e cultural do monte”. Ás 20.15 horas iniciarase un obradoiro sobre enfornado do pan. Tras un descanso para a cea haberá un recital de poesía musicada a cargo de Susa Yáñez, para continuar co obradoiro de desenfornado do pane cunha repichoca que animará o grupo de música tradicional “Vai Rañala Meu”, que estará acompañado por un grupo de cantareiras e pandereteiras de Sedes.

As actividades programadas para o Encontro continuarán na xornada do sábado, 1 de abril, cun novo bloque, sobre “O proxecto de Aldea Nova, un referente de desenvolvemento rural”. Entre as 10.00 e as 14.00 horas haberá novos relatorios sobre as potencialidades educativas e socioeconómicas deste recinto, ubicado en Sedes, e tamén se falará da historia da comunidade educativa de Sedes e do asociacionismo local, entre outros temas. Desde as 16.00 ata as 00.00 terá lugar o terceiro bloque, sobre “Proxectos de educación sociocomunitaria levados a cabo nas Terras de Trasancos”, para abordar a pedagoxía Freinet e as súas técnicas, un proxecto dun Plan específico para a etapa infantil no rural e outras actividades, como teatro e música galega.

Finalmente, o domingo 2 de abril comezará un bloque, o cuarto, sobre “Iniciativas de ámbito socioeducativo”, entre as 9.30 e as 14.15 horas. Dará comezo cunha visita guiada polo Parque temático de desenvolvemento rural Aldea Nova e, tras un relatorio e un debate para as conclusión e a clausura realizarase outra visita, neste caso polo Itinerario didáctico da contorna etnográfica, económica, antropolóxica e cultural do Oenach Atlántico de Sedes.

As persoas interesadas en obter información máis detallada do programa desta décima edición do Encontro, dirixido a profesionais e estudantes dos eidos da educación ou do desenvolvemento rural, familias, Anpas e outras persoas interesadas no futuro do medio rural, poden consultar a páxina: www.neg.gal.

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …