A síndrome da apnea do sono é a patoloxía máis frecuente relacionada cos trastornos do sono

A síndrome da apnea do sono é a patoloxía máis frecuente relacionada cos trastornos respiratorios do sono. Ten unha alta prevaleza, xa que afecta ó 5% da poboación xeral; afecta entre 2 e 3 veces máis ós homes; e estímase que o 80% das persoas con apnea non están diagnosticadas. Estas cuestións abordaranse nunha mesa informativa que se activará por mor do Día Mundial do Sono, mañá venres 17 de marzo, entre as 10:00 e as 14:00 horas, no corredor do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

Nesta Mesa, profesionais de Neumoloxía da Xerencia Integrada de Ferrol facilitarán información relacionado co sono e os trastornos que provoca unha mala hixiene do sono. Ofrecerán folletos informativos; e aplicarán diversas escalas de medición de risco relacionados coa somnolencia, a apnea e a hipersomnia (excesiva somnolencia diúrna), e que abranguen cuestións relacionadas cos ronquidos, as apneas, a hipertensión, a idade, o peso, ou o perímetro do pescozo, entre outras moitas. Pártese da base de que “existe cada vez máis evidencia científica de que unha mala hixiene do sono leva consigo a aparición doutras enfermidades, como as cardiovasculares, a diabetes ou a hipertensión”, explica o neumólogo Miguel Braun Otero.

Sintomatoloxía destes trastornos

Os trastornos do sono teñen unha causa na vía respiratoria e afectan ó período profundo do sono. De xeito global, o ronquido é unha das síntomas frecuentes, que é a vibración da vía aérea central, porque se pecha parcialmente e intermitentemente. Cando ese peche da vía respiratoria é completo en lugar de parcial prodúcese o que se coñece como apnea. “Non todo o mundo que ten apneas ten a síndrome da apnea do sono, xa que esta depende do número de veces e intensidade coa que se produzan as apneas, aspecto que é relevante clinicamente para a valoración do paciente”, explican. A síndrome da apnea do sono, con estas alteracións intermitentes e bruscas do sono, provocan que o organismo da persoa teña que facer un sobreesforzo para respirar e osixenar o sangue, o que deriva en enfermidades cardiovasculares, hipertensión (moitas veces non controlada), ou diabetes, entre outras. Outra das síntomas máis frecuentes é a hipersomnia diúrna, que en ocasións se debe simplemente a unha mala hixiene do sono, e é corrixible cambiando os hábitos.

O perfil tipo ou xeral do paciente é un varón de entre 40 e 60 anos, con obesidade, fumador, con algunha patoloxía cardiovascular, e cun perímetro de pescozo superior a 40 centímetros. En termos xerais, a apnea do sono relaciónase cunha persoa que é roncadora; na que se produce una parada respiratoria ou que está sometida a un espertar explosivo (asfítico) tralo ronquido. A isto engádese persoas que se se erguen moito máis cansadas do que se deitan, cunha sensación de sono non reparador, aínda que durman máis horas, ou cunha tendencia a quedarse durmido ou ter somnolencia durante o día. “Non tódolos roncadores teñen apnea do sono, pero practicamente tódolos os que teñen apnea do sono son roncadores”, matizan desde Neumoloxía ó referirse á sintomatoloxía da apnea.

É unha patoloxía que ten consecuencias na saúde, como as xa mencionadas pero que tamén está moi relacionada coa redución na calidade de vida, xa que o sono alterado ou fragmentado que provoca esa serie de trastornos nocturnos, fai que non se produza o descanso necesario. Ese cansazo ten unha repercusión sobre a actividade laboral e social diúrna. Nos últimos anos, tense relacionado esta patoloxía do sono cos accidentes de tráfico, xa que os accidentes de tráfico son máis frecuentes en xente con hipersomnia diúrna provocada pola síndrome da apnea do sono. Esta alteración implica 13 veces máis probabilidades de ter un accidente.

Neste día, os especialistas do Complexo subliñan a necesidade de incidir nas medidas preventivas relacionadas co sono, para evitar que estes deriven en patoloxía, como manter horarios regulares do sono, o mesmo número de horas; evitar estímulos intensos previos ó sono, como deporte, televisión ou música; manter unha dieta equilibrada, que evite o sobrepeso e os excitantes como o café ou o cacao, e favoreza alimentos que teñan triptófanos, que inducen ó sono, como os lácteos; e evitar factores de risco como o tabaco ou o abuso dos medicamentos relacionados co sono. En definitiva, avogar polos hábitos de vida saudables que favorecerán a esta e a outras patoloxías relacionadas.

Diagnóstico e tratamento

O diagnóstico desta enfermidade supón durmir cun aparato que realiza unha poligrafía cardiorrespiratoria, que mide os eventos relacionados co sono. Unha vez diagnosticada a síndrome da apnea do sono, o tratamento dependerá da orixe; e actuar sobre a causa elimina a patoloxía. Nalgúns casos, é suficiente un cambio nos hábitos de sono. Noutros casos, hai unha sospeita de que a orixe está no factor anatómico, como a hipertrofia das amígdalas no caso dos nenos, ou as desviacións grandes de tabique ou alteracións mandibulares, nos adultos, e é posible a solución con intervencións cirúrxicas ou próteses de avance mandibular.

Máis na maior parte dos casos, é necesario a aplicación de presión positiva, que se realiza a través dun aparato que se coñece como CPAP, que son as siglas en inglés de presión positiva continua da vía aérea, e que evita que as vías respiratorias se pechen. Evítase así tamén a repetición do esforzo que ten que facer o organismo para normalizar esa situación e a baixada de osíxeno que provoca, xerando unha sobreexcitación do corazón e o cerebro que pode derivar nas patoloxías mencionadas, cardiovasculares, hipertensión ou diabetes.

Consulta monográfica na área sanitaria ferrolá

Na Xerencia Integrada de Ferrol existe unha consulta monográfica relacionada cos trastornos respiratorios do sono, e outras patoloxías relacionadas, que ve a pacientes tres días a semana. Na actualidade, realízanse máis de 2.000 terapias respiratorias domiciliarias na área sanitaria ferrolá, das que 1.300 son CPAP, que facilita a presión positiva continua a pacientes xa diagnosticados da síndrome da apnea do sono.

A sintomatoloxía tan xenérica deste enfermidade fai necesario tamén facilitar ferramentas que permitan diferenciar cales son os pacientes prioritarios á hora de abordar o trastorno e os seus tratamentos. Neste senso, en Neumoloxía estase a traballar xa na futura activación dunha consulta de Telemedicina que facilite a relación entre os facultativos dos centros de saúde e o Complexo Hospitalario Universitario. Nesta mesma liña de coordinación para facilitar a atención do paciente, sitúase a consulta virtual, na que se produce un contacto directo co facultativo e os profesionais que facilitan a terapia respiratoria domiciliaria.

Incidir nunha boa calidade de sono, resumen, ten enormes beneficios, xa que evita patoloxías que xeran máis ingresos e máis atencións sanitarias; e tamén un maior consumo de fármacos. Se a calidade de vida e a sensación de cansazo e somnolencia remite, faise unha vida máis activa e deporte, o que mellora o estado global da persoa. A isto engádese a posible redución de accidentes de tráfico e a diminución das baixas laborais relacionadas cos trastornos do sono.

Lea también

El Plan de Barrios de Ferrol ejecuta más de 10 actuaciones en Viladóniga-Vilasanche

El alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, acompañado del concejal de Servicios, José Tomé, …