As entradas para o concerto de música infantil de Pablo Díaz “Tic Tac Toc” poderán recollerse no Pazo da Cultura

Cartel do evento – Concello de Narón

O público familiar e infantil é o destinatario do concerto de Pablo Díaz e a súa banda, denominado “Tic Tac Toc”. O Concello de Narón está adherido á Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, na que se enmarca o programa de dinamización lingüística FalaRedes 2017, no que se integra a citada convocatoria. O espectáculo musical terá lugar o domingo, día 26, a partir das 18.00 horas no Auditorio municipal (Praza de Galicia s/n) e as entradas, que son de balde, poden adquirirse a partir de mañá venres, día 17, na billeteira do Pazo da Cultura. O aforo está limitado a 250 persoas, tal e como recordou a concelleira naronesa responsable da área de Normalización Lingüística no Concello naronesa, Mercedes Taibo. A sesión terá unha duración de aproximadamente cincuenta minutos.

A actividade consistirá nun concerto de música infantil en lingua galega, no que Pablo Díaz estará acompañado polos músicos Diego Barral (guitarra) e Álex Fente (acordeón). Mercedes Taibo destacou o feito de que este espectáculo “é moi participativo, co que o público interactuará en todo momento cos músicos, o que lles permitirá aprender ou recordar unha serie de cancións infantís propias da nosa lingua”. Trátase de concertos nos que se misturará a música pop co rock e o folk, que forman parte do último traballo de Pablo Díaz, aínda que tamén se cantarán outros temas de anteriores traballos “Tic tac” (do ano 2009) e “Toc Toc” (do 2013).

Pablo Díaz e a súa banda lograron vender nos últimos anos milleiros de copias dos seus traballos, que incluso chegaron a esgotarse e a reportarlle numerosos premios e recoñecementos ao longo da súa traxectoria.

Lea también

O Ateneo Ferrolán proxecta o filme «Linda» dentro da programación 25N

Este venres dia 22 as 19.30h dentro da programación do 25N “Día contra a Violencia …