Fene participará neste 2017 no Programa de Integración Laboral impulsado pola Deputación da Coruña no marco do Plan de Emprego Local 2016-2019, co que se pretende dinamizar a economía e a xerar emprego nos municipios da provincia. Ao Concello correspondéronlle 52.000 euros cos que se contratará a 7 persoas en situación de desemprego e pertencentes a algún colectivo con especial dificultade para atopar traballo. De momento non hai data fixada para iniciar o procedemento de contratación, xa que aínda se está tramitando a documentación perante a Deputación. O que si se pode adiantar é que os postos se cubrirán a partir dun listado de aspirantes enviado polo Servizo Público de Emprego de Galicia e tamén que os contratos das persoas seleccionadas serán dun 75% da xornada durante 4 meses.
Os perfís que se lle solicitarán ao SPEG son os de 6 persoas para ocupar postos de peonaxe de obra e, a maiores, un da categoría de oficial ou oficiala en albanelaría. Sete persoas en total que lle darán apoio á brigada municipal de obras facendo tarefas de todo tipo dentro das permitidas polo programa provincial, como poden ser os labores de limpeza viaria, os de mantemento de parques e outras pequenas actuacións relacionadas con servizos públicos.
A propia convocatoria da Deputación indica cales son os requisitos do persoal que poden contratar os concellos. Neste sentido cómpre que as persoas aspirantes estean desempregadas e nalgunha situación das denominadas de exclusión laboral. Por exemplo, ser maiores de 45 anos, levar en desemprego máis de 2 anos, ter un grao de discapacidade igual ou superior a un 33%, ser muller, ser vítima de violencia de xénero, non ter fogar, pertencer a unha familia onde ninguén ten traballo, vivir nun fogar monoparental, etc.
A Deputación tamén apunta nas bases que nos procesos de contratación “valorarase como mérito” ter finalizado favorablemente programas de capacitacón, formación e integración no mercado laboral organizados e/ou financiados polas Administracións Públicas.
O Programa de Integración Laboral é unha liña específica para municipios de menos de 20.000 habitantes dotada con 3 millóns de euros para esta anualidade que se distribuirán entre 82 concellos. Fene entra no módulo con contía máxima xunto con Rianxo, Betanzos, Ordes, Sada, Teo e Boiro, aos que lles corresponde unha achega máxima de 52.000 euros para cubrir os custos dos contratos -salarios, seguridade social, formación en PRL e indemnización por fin de contrato-.
Este programa impulsado pola Deputación da Coruña encádrase no Plan de Emprego Local 2016-2019. Unha estratexia que disporá de 30 millóns de euros para o cuatrienio e que irá dirixida tanto a municipios como ao fomento do emprendemento e o apoio ao tecido empresarial que conforman as pemes.
Si a contratacion se fai cos mesmos criterios seguidos para a creacion da bolsa de emprego creo que os parados de fene xa poden estar contentos.
Quixese saber a resposta a unha pregunta que me rolda a cabeza despois de escoitar uns comentarios nunha cafetería do termo municipal de boca dun dos que supostamente conseguiron acceder á bolsa de emprego.
É posible conseguir entrar na lista de admitidos á devandita bolsa suspendendo a proba practica e sen presentarse despues ao exame oral de coñecementos de galego?
A hora de presentación era para todos a mesma?
Por que se distribúen en tres horas distintas a proba practica?
É a mesma para todas as quendas?
Quero imaxinar que todo isto son habladurías de detrás das murallas porque de non ser asi non entendo como non hai ninguén que impugnase ditas probas.
Sendo todo legal prefiro crer que a xente fala por falar e algúns non teñen o mais minimo respecto pola cantidade de xente do concello que se atopa en paro e non ten onde desempeñar un traballo que lle sirva para dar para comer á súa familia.
É certo o refrán ? Deus dá pan a quen non ten dentes?