A Pediatría do Marcide celebra o Día Mundial do Prematuro

A Enfermaría do primeiro andar de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol faille unha homenaxe ós nenos nacidos prematuros esta semana, por mor do Día Mundial do Prematuro que se celebra mañá xoves 17 de novembro. Teñen acondicionado o andar con distintos elementos que simbolizan este día, cun canguro xigante para avogar polo contacto pel con pel para o neno prematuro (método canguro), ou cun decálogo cos dereitos do neno prematuro e das súas familias, entre outras cuestións.

Unha mensaxe na parede dá conta do seu obxectivo deste día dedicado ó prematuro: «O persoal de Enfermaría, somos testemuñas da súa vontade, queremos renderlle esta pequena homenaxe. Dende o comezo do seu percorrido vital son exemplo de loita e esforzo. Os pequenos campións están chamados a deixar unha grande pegada nas nosa vidas». O día Mundial busca «concienciar dos coidados tan específicos e importantes destes nenos prematuros, centrados no seu desenvolvemento físico e psíquico», explican.

Un bebé prematuro é aquel que nace antes de tempo, antes da semana 37 de idade xestacional, e gran prematuro antes da semana 32. Hai diferentes grao de prematuridade, principalmente, prematuros e grandes prematuros, que se clasifican pola idade xestacional ou polo peso ó nacer. Canto máis prematuro, máis inmaduro, e con máis necesidades de axuda. Dos nenos prematuros pasan por unha Unidade de Coidados Intensivos aqueles que teñen alteración do seu benestar fetal, sendo o benestar fetal que estea en condicións óptimas, que non teñan dificultades para respirar ou para se alimentar. Tal e como indican, un de cada dez nenos no mundo nace de xeito prematuro. Na Xerencia Integrada de Ferrol naceron 66 nenos prematuros no pasado ano; e chegan unha media de tres casos ó mes á Unidade de Coidados Intensivos.

«Antes, o gran prematuro estaba illado da nai -explican dende esta Unidade-, e agora a nai está en contacto co fillo. O grande avance ten sido pasar do illamento ó método canguro de contacto pel con pel, as 24 horas do día. Dunha cristaleira, a coller ó seu fillo». O Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol foi o primeiro en permitir a entrada dos pais as 24 horas para poder acompañar a un bebé prematuro na Unidade de Coidados Intensivos.

Dereitos do prematuro

Tal e como se reflicte no decálogo de dereitos que promulgan nestes días, a prematuridade pódese previr en moitos casos, por medio do control do embarazo ó que teñen dereito tódalas mulleres; e os recen nados prematuros teñen dereito a nacer e seren atendidos en lugares axeitados; a recibir unha atención axeitada ás súas necesidades, considerando as súas semanas de xestación, o seu peso ó nacer, e as súas características individuais; cada paso no seu tratamento debe ser dado con visión de futuro.

Teñen dereito tamén a recibir coidados de enfermaría de alta calidade, orientados a protexer o seu desenvolvemento, e centrados na familia; a seren alimentados con leite materno; ou á prevención da cegueira por retinopatía do prematuro. Xunto con estes, un neno que foi recén nado prematuro de alto risco, debe acceder, cando sae do hospital, a programas especiais de seguimento. A familia dun neno prematuro ten dereito á información e a á participación na toma de decisións sobre a súa saúde ó longo de toda a súa atención neonatal e pediátrica. E, por último, o recén nado prematuro ten dereito a estar acompañado pola súa familia todo o tempo.

Neonatoloxía centrada na familia

O desenvolvemento destas Unidades de Coidados Intensivos ten permitido que sobrevivan nenos inmaduros non exentos de riscos, polo que, dende esta Unidade avogan por coidar cos cinco sentidos, co «obxectivo de dar seguridade, confort, descanso, e sono ó bebé». Así, o ambiente ten que ser o axeitado para proporcionar a curación das patoloxías, e debe permitir o desenvolvemento emocional, a organización do sistema nervioso, e, por suposto, o fomento do vencello cos pais.

As profesionais de Enfermaría desta Unidade inciden na importancia dunha neonatoloxía centrada na familia, «en que se sintan pais dende o momento que nace o seu fillo e non dende que se va de alta», subliñan estas profesionais, e na que se enfatice o contacto emocional, que ofreza seguridade ó bebé, e favoreza a estimulación auditiva, visual, olfativa e táctil; a integración dos pais nos coidados, para comezar o máis rapidamente posible o proceso de normalización na vida do seu fillo ou filla; a potenciación da lactación materna, porque nutre, protexe fronte ás enfermidades, e se adapta ás necesidades do neno. E, como simboliza o canguro que está estes días no corredor principal do primeiro andar de Pediatría do Hospital Arquitecto Marcide, potenciar o método canguro, o contacto pel con pel do bebé prematuro, que estabiliza a frecuencia cardíaca e e respiratoria, e a glucosa, precísase menos necesidade de osíxeno e mellora o control da temperatura e diminúe as apneas.

Preténdese «unha humanización da tecnoloxía da UCI, aquí se conxuga tecnoloxía e humanización; e aínda queda moito por andar, xa que a sanidade se vai adaptando á demanda da sociedade», rematan.

Lea también

A Alianza Aresana acolle a presentación de ‘Material sensible’, de Concha Tejada

Como xestionar a alta sensibilidade de forma amable, creativa e sostible? Que historias poden inspirarnos …