Presentado a nivel nacional un caso de ciruxía dermatolóxica ferrolá

Un caso de reconstrución dun defecto cirúrxico que afecta á pálpebra inferior e á rexión infraorbitaria do ollo, presentouse na XXIX xuntanza anual do Grupo Español de Dermatoloxía Cirúrxica, Láser e Oncoloxía Cutánea, que se celebrou onte e hoxe no auditorio Cidade de León, en León. Esta xuntanza ten tres bloques temáticos que dan nome a reunión, de Oncoloxía, de Láser e de Cirurxía. O especialista en Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Óscar Suárez Amor, foi invitado a presentar este caso na sesión titulada Como reconstruiría eu?, pertencente ó bloque de Cirurxía. Este caso é escollido pola súa complexidade e pouca frecuencia; e é peculiar polo reto reconstrutivo, o tamaño, e a delicada localización.

Neste ámbito, ó redor de 400 dermatólogos de toda España plantexan posibles solucións cirúrxicas ante un caso complexo. Establécense desafíos e realízanse suxestións. Suárez Amor amosou o caso dun paciente varón novo, cun defecto infraorbitario esquerdo de 4 x 3 cm de diámetro, trala exérese ou extirpación dun carcinoma basocelular (tumor). «Discutimos as opcións reconstrutivas para o dito defecto cirúrxico e amosamos a opción elixida por nós. No noso paciente optamos por reconstruír o defecto cun colgajo de pedículo subcutáneo, que implica empregar o pel que está adxacente á ferida cirúrxica, resultante da extirpación do tumor, para reconstruír ou pechar esa ferida», explicou.

Existen diferentes tipos de plastia para abordar esta cirurxía, e, neste caso, como valor engadido, emprégase unha modificación da descrita como V-Y, rompendo o deseño estándar ou habitual, co obxectivo de diminuír o risco de ectropión, isto é, de que a pálpebra inferior do ollo, máis delicada se altere na súa morfoloxía ou funcionamento; por exemplo, que quede sen a capacidade de pechar correctamente ou de humedecer o ollo. Un ano despois da cirurxía, «o resultado tanto funcional -que as partes afectadas non se vexan alteradas na súa función- como estético -cicatrices non visibles- ten sido moi bo», explicou o especialista.

Non é a primeira vez que profesionais de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol son invitados a levar un caso cirúrxico a este encontro nacional, o que dá conta do valor que se lle dá á cirurxía dermatolóxica ferrolá. Este é o cuarto ano consecutivo que se presenta un caso do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol neste foro específico nacional.

Incremento cada vez maior da Cirurxía dermatolóxica

Lembrar que en Dermatoloxía da Xerencia Integrada de Ferrol desenvolven o seu traballo seis especialistas. Nos últimos anos, deuse un importante pulo á cirurxía neste ámbito, incluíndo cirurxías máis complexas como plastias ou inxertos. De feito, nos primeiros nove meses deste ano, entre xaneiro a setembro de 2016, realizáronse un total de 613 cirurxías, case igualando as 620 cirurxías que se realizaban no total do ano 2012, por exemplo.

Do total desas 613 cirurxías realizadas ata setembro do presente ano 2016, 4 precisaron estadía hospitalaria; 437 realizáronse con Cirurxía Maior Ambulatoria (que requiren de quirófano, pero que se solucionan a súa maior parte nun só día, e sen ingreso); e 172 con cirurxía menor ambulatoria. Por outra banda, ata setembro de 2016, en Dermatoloxía realizaron tamén un total de 13.983 consultas, e 1.737 das mesmas realizáronse a través da Teledermatoloxía.

Lembrar igualmente que na Xerencia Integrada de Ferrol actualmente existe unha ampla carteira de servizos neste eido dermatolóxico. Destaca nos últimos anos a posta en marcha de consultas específicas como a da psoriase, unha consulta monográfica de dermatoloxía pediátrica, ou a do melanoma. Realízase en Ferrol tamén a biopsia do ganglio centinela do melanoma, en colaboración con Cirurxía Xeral.

Xunto con isto, introducíronse novas técnicas de tratamento coas que a poboación da área non contaba. Destacan como exemplos entre estes avances a terapia fotodinámica, que emprega fontes de luz combinadas coa aplicación tópica ou externa de sustancias para o tratamento de algúns cancros de pel non melanoma ou lesións precursoras de cancro non melanoma; a fototerapia, técnica que consiste no emprego dunha fonte de luz ultravioleta para o tratamento de enfermidades inflamatorias da pel, como a psoriase ou a dermatite atópica; ou, tamén, novas técnicas para tratar a hiperhidrose (exceso de suoración). Neste ano, incorporábase tamén a ecografía cutánea, útil tanto como axuda ó diagnóstico de tumores cutáneos e á súa abordaxe cirúrxica, así como para o control evolutivo dalgunhas enfermidades inflamatorias.

Lea también

Ferrol, acoge el encuentro intergeneracional de corales de personas mayores

La concejala de Política Social e Inclusión de Ferrol, Rosa Martínez, presentó este jueves 21 …