O portavoz do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Narón, Pablo Villamar, manifestou hoxe a súa decepción coa proposta de resolución provisional da convocatoria de concesión de apoio financeiro ao investimento industrial, coñecida como Axudas á Reindustrialización ou Plan Ferrol, que volve deixar na gaveta máis do 98% dos fondos inicialmente previstos, 45,7 millóns de euros, para implantación ou ampliación de proxectos empresariais nos concellos da bisbarra de Ferrolterra.
Villamar, que é ademais o concelleiro delegado de Promoción Económica do Concello de Narón, asegurou que esta decisión «era a que esperabamos tendo en conta as condicións que impón o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo para acceder ao financiamento público». O voceiro do grupo municipal nacionalista fixo fincapé nos «elevados avais e os xuros que se esixen, superiores aos que as empresas e os emprendedores e emprendedoras poden conseguir no mercado libre. É un despropósito», engadiu.
«Se ben a resolución é aínda provisional e quedaron fóra da aprobación inicial cinco dos seis proxectos presentados, sendo o único que polo de agora ten o visto e prace do Ministerio é o de Biomasa Forestal, en As Pontes, por un importe financiábel duns 650.000 euros, é altamente probábel que todo quede como está e que a actividade empresarial da comarca, que ten en Narón un importante polo industrial, vexa de novo como se evaporan 45 millóns de euros, que, sumados ás anteriores convocatorias feitas polo goberno de Mariano Rajoy, suporá, en total, a perda de perto de 170 millóns en financiamento. Son moitos cartos que perdemos todos», dixo Villamar.
O voceiro nacionalista expuxo algúnss datos: «das diferentes zonas específicas que contan con planos de financiamento, só Canarias, á que non se lle concedeu nin un só euro dos 14,8 millóns orzamentados, está peor que Ferrolterra, co 1,4% do total». Por iso, Villamar demanda un cambio de rumbo neste tipo de axudas que, indicou, «en teoría deben servir a un fin do que ninguén dubida, a recuperación e diversificación industrial da comarca». Nesa liña, reclamou a volta ao sistema anterior ao desembarco do PP no Goberno do Estado e «que se abra a convocatoria ás administracións públicas para poder desenvolver actuacións que axuden a paliar o défice de infraestruturas que padecemos».
Este no es el que cuando estaba en la diputación le daba contratos a dedo a la empresa de su mujer?