O Foro de Amigos de Ferrol vístese de loito ante o novo desprezo que significa a non concesión dun Dia dás Letras Galegas ao ferrolán Ricardo Carballo Calero.
—-ooooOoooo—-
Desde o ano 1963, no que se cumpriu o centenario da publicación de «Cantares Gallegos», o 17 de Maio celébrase o Día das Letras Galegas, o primeiro deles dedicado a Rosalía de Castro. Nas 53 edicións celebradas tan só tres mulleres atinxiron este galardón, mentres que non o fixo ningún escritor da Terra e Mar de Ferrol. Hoxe temos que lamentar o novo esquecemento do ferrolán Ricardo Carballo Calero, a pesares do seu recoñecido merecemento e da calidade dos seus abondosos traballos, bastante máis meritorios que os dalgúns premiados de obra escasa e pouco coñecida.
Alumno en Ferrol de Manuel Comellas, Carballo Calero foi membro da Real Academia Gallega e do Instituto Padre Sarmiento, e profesor da Universidade de Santiago, da que foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura o ano 1965. A súa ampla obra literaria inclúe poesía, ensaio, crítica literaria, teatro e narración, colaborando en diversas publicacións, entre elas a emblemática revista Nos.
No eido da narrativa, a súa obra «A gente da Barreira» considérase a primeira novela publicada en galego despois da Guerra Civil, contando nela a realista historia dunha familia galega. Máis tarde publicou «Scorpio», para moitos a súa mellor obra, onde percorre o tempo histórico da guerra civil que lle tocou vivir.
A súa abondosa obra poética está recompilada en catro volumes: «Pretérito imperfeito», «Futuro condicional», «Cantigas de amigo e outros poemas» e «Reticencias», mentres que os seus traballos no eido da filoloxía, na súa dobre vertente de crítica literaria e de estudo da lingüística, foron de gran importancia. A súa monumental obra «Historia da Literatura Galega Contemporánea», de abondoso aparato documental, está recoñecida como obra imprescindible para o coñecemento da literatura galega.
Nos anos finais da súa vida espertou unha grande polémica a súa obra e as súas teorías sobre a reintegración lingüística galego-portuguesa, en colisión coa normativa oficial da lingua galega, mantendo unha postura discutible, pero lexítima. Non obstante, Ricardo Carballo, home integrador e xeneroso, mesmo durante os seus anos anos de illamento, estivo sempre por riba dos polemistas dun e doutro signo.
Carballo Calero non foi quen de ser nomeado para o galardón das Letras Galegas, nin con Xosé Ramón Barreiro nin con Méndez Ferrín ao fronte da Real Academia Galega. É o momento de que o presidente actual da Academia, o incoherente Alonso Montero, por outra banda tan amigo de visitar esta cidade e que sempre é ben recibido por certos persoeiros e sociedades desta Cidade Ensemesmada, explique publicamente sobre as verdadeiras razóns deste desprezo.