O Padroado da Cultura colabora nunha exposición de instrumentos de música tradicional galega

O CIFP Ferrolterra acolle unha exposición cunha trintena de instrumentos musicais realizados polo alumnado dos Obradoiros de Construción de Instrumentos Tradicionais Galegos que se imparten a través do Padroado da Cultura do Concello de Narón.

A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 3 de maio no horario habitual de apertura do centro unha vez rematadas as xornadas, e enmárcase nas XXII Xornadas Técnicas Nacionais do Profesorado de Madeira e Moble organizadas polo citado centro para hoxe, mañá e o sábado 23 de abril, en colaboración con diversas entidades, entre elas o Padroado da Cultura de Narón.

Pandeiretas, pandeiros, pandeiras, bombos –un deles, o de maior tamaño, cun debuxo do muíño de Xuvia-, charrascos, trécolas, culleres e tambores son algúns dos instrumentos que se poden ver nesta mostra. Unha parte dos mesmos realizouse este ano, se ben outros xa os fixo alumnado de cursos anteriores.

O Obradoiro de Construción de Instrumentos Tradicionais Galegos do Padroado da Cultura ten neste curso un total de 63 alumnos e alumnas, todos eles maiores de dezaséis anos, requisito imprescindible para poder asistir. As clases impártense os martes, mércores e venres polas tardes e os sábados todo o día entre os meses de outubro e xuño. O profesor Emilio Romero está á fronte deste obradoiro desde hai dezaséis anos, se ben as clases impártense desde o ano 1996 a través do Padroado da Cultura do Concello de Narón, cunha gran aceptación entre a veciñanza.

Lea también

Inaugurada en San Xiao de Narón una imagen del Patrón tallada sobre un tronco por Carlos García

En la mañana de este domingo, día 28, el obispo de Mondoñedo-Ferrol Fernando García Cadiñanos, continuó …