Vaise a cumprir un mes do pasado 11 de Febreiro, cando Guillermo Llorca e a persoa que isto escribe, como promotores da «Declaración a prol dun Museo da Cidade», apoiada e asinada por dezaseis asociacións e entidades culturais de Ferrol, elevamos a mesma por Rexistro Municipal ao Alcalde da Cidade, Concelleira de Patrimonio, Concelleiro de Cultura e aos cinco grupos políticos da Corporación Municipal. Ata de agora ningún dos oito destinatarios da Declaración deu conta ou acusou recibo da súa recepción.
Esta iniciativa foi o froito dun intenso e continuado traballo de consenso, realizado ao longo da varios meses sobre o texto da Declaración, para lograr que por primeira vez na historia de Ferrol unha iniciativa como esta fose asinada pola maioría do tecido cultural da cidade. Semella de xustiza citar e cumpre agradecer ás dezaseis entidades asinantes o seu apoio:
Asociación de Amigos do Teatro Jofre, Asociación Cultural Fuco Buxán, Asociación Cultural Galicia Ártabra, Asociación Sociocultural Muiño do Vento, Ateneo Ferrolán, Casino Ferrolano, Club de Montaña de Ferrol, Club de Prensa de Ferrol, Foro de Amigos de Ferrol, Fundación Fontenla Leal, Galería Sargadelos, Liceo Europeo de las Artes, Sociedad Artística Ferrolana, Sociedad de Cultura Valle Inclán, Sociedad Filármónica Ferrolana e Tribuna para el Diálogo.
Ferrol dispón dun Centro Cultural Municipal, un amplo edificio dezaoitesco que albergou o Hospital de Caridade, cuxa parte nobre, unha vez acondicionada, podería expor esas obras de pintura, gravado e escultura, espalladas pola cidade, da autoría de artistas como Sotomayor, Villaamil, Agustín Robles, Eduardo de la Vega, Máximo Ramos, Imeldo Corral, Bello Piñeiro, Segura Torrella, González Collado e outros. Trátase de máis de cen obras, moitas gardadas en almacéns, ou colgadas de forma pouco axeitada nas escaleiras do Concello ou en salas pechadas ao público .
Ferrol ten numerosas potencialidades no campo do Patrimonio, a Cultura e o Turismo, que debe dar a coñecer e poñer en valor: a Ilustración, a Construción Naval e o Patrimonio Industrial, o Modernismo, as fortificacións da ría, o Patrimonio Natural e as sinais de identidade da urbe que abranguen desde a memoria da emigración e a cultura do traballo ata as Rondallas, a música popular e a Semana Santa. Todo iso sen esquecer o recordo dos Camiños históricos que parten de Ferrol: o Camiño Inglés a Compostela con saída do noso porto de Ferrol, e do ancestral Camiño de romeiros a San Andrés de Teixido.
O Concello debe crear un Museo da Cidade, a instalar nun edificio que o propio Concello considere oportuno, con coleccións tanto de carácter artístico e histórico como costumista e antropolóxico. Ademais ten que recuperar a documentación referente ao Patrimonio da Humanidade, como lembranza dunha ocasión perdida pola urbe. Mesmo entidades como a Armada, a Igrexa, a Exponav e as asociacións culturais, entre outras, poderían ceder certos fondos de interese. Cumpre recuperar ademais para este Museo ese «Ferrol Fora de Ferrol», esa serie de obras e legados que se atopan noutros museos e lugares lonxe da nosa urbe: desde o tesouro de Bedoya ata os legados de Torrente Ballester e Carballo Calero.
DOUS SÍMBOLOS DA NOSA URBE
Nese Museo deberían ter un lugar preferente dous símbolos da nosa urbe. O magnífico escudo de Ferrol da Ilustración, notable obra do ano 1787, que presidiu o frontón da antiga Casa Consistorial do Paseo das Delicias, que continúa arrombado coa súa vergonzosa colocación esquinal no vestíbulo do Centro Cultural da rúa do Hospital. O Cristo da Tahona, xoia patrimonial da cidade e único vestixio medieval da súa historia, que estivo exiliado polos anteriores responsables de Cultura e Patrimonio no Camposanto do Monte Gaiás e que polos actuais responsables de Cultura e Patrimonio foi desterrado ao Cemiterio da Costa de Mella.
Neste intre o Centro Cultural mostra ao visitante no seu fermoso patio central o único adobío dunhas bañeiras de mármore que no seu día se utilizaban para o lavado dos cadáveres dos falecidos no antigo Hospital de Caridade, para poder facerlles logo a autopsia. Non sei si trátase dun ensaio dos novos maceteros para as rúas peatonais de Ferrol ou posiblemente estamos ante unha curiosa interpretación ferrolá do tradicional «Arte Povera».
Os actuais inquilinos que hoxe están a traballar no fachendoso edificio do Concello que preside a Praza de Armas, xa que tanto lles gusta mirar e revisar o pasado para non ter que pensar no futuro, poderían lembrar que o único Concelleiro de Cultura dino dese nome, na miña opinión, que tivo o Concello de Ferrol, Bonifacio Borreiros, colocou no devandito patio de xeito salientable e coa maior dignidade o Cristo da Tahona, para admiración de propios e estraños.
Como diría o mellor filósofo que tivo o pasado século XX, Marx, por suposto o Groucho: «partindo da nada, hoxe chegamos ás máis altas coutas da miseria». Xa dicía o mesmo, aínda que doutro xeito coa súa habitual gheada, aquela entrañable persoa ferrolá, «Maruxiña Nunca Cheghamos».