Deputación e Consellería de Política Social acordan estudar a transferencia dos fogares infantís da Coruña e Ferrol

A Deputación da Coruña e a Consellería de Política Social crearán unha comisión técnica para estudar a transferencia á Xunta de Galicia do Fogar Infantil Emilio Romay da Coruña e do Fogar Infantil de Ferrol, ambos os dous de titularidade provincial, nos que se presta atención a máis de 120 rapaces con idades comprendidas entre os 0 e os 12 anos.

Así o anunciaron o presidente provincial, Valentín González Formoso, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, ao remate da reunión de traballo que mantiveron recentemente na sede da Deputación e na que participaron tamén os deputados responsables das áreas de Servizos Sociais, Ánxela Franco, e Promoción Económica, José Luis García.

Valentín González afirmou que os servizos sociais «son unha área que consideramos prioritaria na Deputación, na que queremos facer un esforzo importante, tanto a nivel orzamentario como de recursos», e ofreceu «a máxima colaboración institucional á Xunta, que é quen ten as competencias nesta materia».

Neste sentido, apuntou que unha das principais cuestións tratadas hoxe foi a posibilidade de transferir á Xunta os centros de menores que actualmente dependen directamente da Deputación, unha cuestión que xa foi abordada durante o encontro que González Formoso mantivo co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e anunciou que na reunión concretouse un acordo para «crear unha comisión técnica e ver as posibilidades de levar ese proceso adiante».

Pola súa banda, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, manifestou a súa esperanza de que «poidamos avanzar neste vello obxectivo que se ven plantexando dende hai moitos anos», e incidiu en que as políticas sociais «son competencia autonómica e, polo tanto, a intención por parte da Xunta é a de estudar o feito de que cada un cumpra coas obrigas que ten establecidas».

«Estamos aquí para buscar solucións e espero que sexamos capaces de coordinar máis as nosas políticas, porque o merecen as persoas que nolo demandan», afirmou Rey Varela, quen destacou o importante papel que desenvolve a Deputación e os municipios nesta área porque «dende a cercanía é dende mellor se poden prestar estes servizos».

O conselleiro asegurou que as conversas »seguirán a nivel máis técnico xa que o que teñen que facer as administracións responsables é chegar a acordos».

Lea también

La borrasca Caetano obliga a activar alertas nivel naranja y amarillo por vientos y lluvias en Galicia este jueves

Además, MeteoGalicia informa de varios avisos nivel amarillo por lluvias acumuladas puntualmente superiores a los …