Centros de Ferrolterra e Eume gañan premios Concepción Arenal da Deputación

O CEIP de Canosa-Rus de Coristanco, na modalidade de Educación infantil: o CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira de Ferrol, en Educación Primaria, e o IES Fraga do Eume, de Pontedeume, son os tres centros de ensino gañadores do premio Concepción Arenal de proxectos educativos para a igualdade de xénero convocados pola área de Benestar Social, Educación e Politicas de Igualdade de Xénero da Deputación da Coruña.

O xurado do premio Concepción Arenal vén de facer público o fallo desta convocatoria destinada a proxectos educativos pola igualdade de xénero e recoñecer os presentados por tres centros educativos de concellos de Coristanco, Pontedeume e Ferrol.

A deputada Ánxela Franco, responsábel da área de Benestar Social, Educación e Politicas de Igualdade de Xénero, destacou a «relevancia desta convocatoria xa que o ámbito educativo é fundamental para a eliminación do machismo que é tamén o cerne da violencia de xénero».

Nas súas modalidades de educación infantil, primaria e secundaria, a convocatoria recibiu un total de once proxectos educativos para a súa aplicación nos centros. Cada un dos premios está dotado cunha achega de 5.000 euros.

Na Modalidade A, de Educación Infantil, o centro gañador é o CEIP de Canosa-Rus, do concello de Coristanco, co seu proxecto Sementando a igualdade no rural. O xurado valorou, entre outras cousas, a implicación de toda a comunidade educativa, incluíndo ás familias e outras organizacións da contorna. Considerouse ademais que o plan de difusión do proxecto está moi ben definido.

En canto á modalidade B, de Educación primaria, o gañador é o CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, do concello de Ferrol, co seu proxecto Todas e todos contamos. O xurado valorou a implicación do persoal docente e non docente no proxecto, incluíndo a persoal de servizos do propio centro e incluso a outro tipo de organizacións (ONG, concellos, etc.). Destácase tamén a variedade de actividades incluídas así como a cantidade de recursos empregados (literatura, cine, teatro, exposición fotográfica, etc.).

Con respecto á modalidade C, de Educación secundaria, o proxecto gañador foi o presentado polo IES Fraga do Eume, do concello de Pontedeume, co Proxecto Amazonas. Observatorio de xénero. Laboratorio de igualdade.

Con carácter comarcal, que implica tamén a persoal do concello de Cabanas, o proxecto destínase non só ao alumnado senón tamén a persoal docente e a familias. Contempla a creación dun Observatorio de xénero, con impacto no centro e na contorna, chegando a definir as súas funcións principais. É un plan de avaliación definindo indicadores de tipo cuantitativo e cualitativo e os instrumentos avaliativos a empregar.

A deputada Ánxela Franco agradeceu aos centros de ensino a súa implicación nesta convocatoria e desexou que os proxectos non só sexan aplicados nos centros senón que sirvan de modelo para dar ideas de cara eliminar a discriminación nos centros de ensino. «O obxectivo de conseguir a igualdade nos centros de ensino é clave para unha sociedade de futuro sen machismo e sen desigualdades. Desde as institucións cómpre traballar no ámbito escolar que é onde se forman os homes e mulleres do futuro», sinalou a deputada na xuntanza do xurado que deu a coñecer os centros gañadores.

Lea también

Neda activa la merienda de Navidad de la tercera edad

El Ayuntamiento de Neda inicia los preparativos para su programación especial de Navidad. Desde el …