O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, e a tenente de Alcalde, Beatriz Sestayo, presidiron a ofrenda institucional realizada na tarde deste 27 de xaneiro a Amada García, cando se cumpren 78 anos do seu fusilamento no Castelo de San Felipe.
No acto, no que participaron os familiares de Amada García e os membros da Asociación de Memoria Histórica e Democrática, deuse lectura a dous poemas de Pedro Velázquez Vilanova, «A leva» e «Flor ferida», nos que se relatou o desacougo dunha nena ante a detención do seu pai e o terror ante a demora na busca dun avó. Tamén se procedeu á lectura do poema de José Torregrosa «Hai Amada ben amada».
Amada Garcia Rodríguez (Mugardos 1911- Ferrol 1938) foi militante do Partido comunista, e fixo campaña polo «Frente Popular» nas eleccións de 1931. Despois do golpe de Estado de 1936 defendeu na comarca goberno da República. Foi detida, sometida a un simulacro de Consello de Guerra e condenada a morte, estando embarazada. A aplicación da sentencia adiouse ata o nacemento do seu fillo. Foi fusilada no Castelo de San Felipe en xaneiro de 1938.
Jorge Suárez e Beatriz Sestayo, xunto cos demais asistentes ao acto, depositaron flores en lembranza a Amada García e «en defensa das persoas que pola defensa da liberdade e da legalidade republicana foron vítimas da represión franquista».
Jorge Suárez lembrou aos que non só en San Felipe, senón tamén en Canido e na Frouxeira, tiñan que ter construído unha sociedade mellor pero foron vítimas da «barbarie», e defendeu a necesidade de que as novas xeracións coñezan estes feitos. Garantiu que «durante catro anos» o goberno de Ferrol estará na homenaxe a Amada García porque a loita contra o fascismo «segue viva».
O presidente da Asociación, Manuel Fernández Pita, agradeceu ao grupo de goberno a institucionalización do día de homenaxe a Amada García e á vítimas da represión franquista e reclamou a dignificación dos represaliados, a recuperación das vítimas en fosas comúns e cunetas, a dotación de medios para que os nenos roubados atopen ás súas familias e a divulgación ante as novas xeracións dos altos prezos que se pagaron pola liberdade.
Na homenaxe estiveron presentes a neta de Amada, Amada Toimil, que leu un poema en lembranza das vítimas, e a súa bisneta, Amada Molina, que interpretou co violín a canción «Negra Sombra». O acto finalizou coa interpretación do Himno Galego.