Reunión técnica preparatoria da III edición das 21 Leguas, os 101 quilómetros de Narón

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu a convocatoria, á que acudiron o edil de Deportes, Ibán Santalla, e representantes do SPEIS e do departamento municipal de Prevención e tamén o presidente do Club Deportivo 21 Leguas, Óscar Somorostro.

A rexedora local avanzou que o evento, que reuníu nas anteriores edicións a máis dun milleiro de participantes, en cada unha delas, chegados de diferentes puntos de España, se celebrará o 28 e 29 de setembro deste ano.

Dende o Consistorio naronés xa se realizaron as primeiras xestións de cara a solicitar os permisos necesarios para desenvolver esta proba deportiva, dirixida a ciclistas e marchadores en diferentes modalidades e que a maiores do termo municipal naronés discurre tamén polos de Ferrol, Valdoviño e San Sadurniño.

A rexedora local destacou “a importancia de manter esta proba deportiva contando coa implicación doutras administracións e organismos, patrocinadores e, por suposto, do persoal que vela pola seguridade e saúde dos participantes durante o seu desenvolvemento, un tempo máximo de vinte e catro horas e de todo o persoal voluntario que se implica durante moitas xornadas para facelo posible”.

Dende o Consistorio explicouse que nos vindeiros meses se programarán novas reunións co fin de ir perfilando o evento e que se procederá tamén á apertura do prazo de inscrición para todas as persoas interesadas en participar este ano.

Lea también

BNG de Narón reclama reunión da Comisión especial de seguimento da praga das moscas no Val

O BNG de Narón reclama ao goberno municipal a convocatoria dunha reunión da Comisión especial …