A programación do Mes do Libro trae a Narón xornadas de portas abertas e actividades varias

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro, presentaron as novas propostas da programación que se desenvolverá este mes na Biblioteca municipal con motivo do Mes do libro.

Trocolibro, xornadas de portas abertas, un espectáculo de narración oral para público adulto e un contacontos para bebés completan as propostas iniciadas o pasado sábado con “Coñecendo a Andersen”, unha actividade infantil para conmemorar o Día internacional do libro infantil e xuvenil que lles permitiu aos participantes achegarse á vida de Hans Christian Andersen.

A rexedora local animou ós veciños a participar nestas actividades “pensadas para persoas de todas as idades e tamén cunha vertente participativa e informativa para dar a coñecer o traballo que non só este mes, senón ao longo de todo o ano se realiza dende a Biblioteca central e a Axencia de lectura municipal da Gándara, neste caso concreto”.

Do luns 21 ao sábado 26 de abril levarase a cabo unha nova edición de Trocolibro, unha actividade de intercambio de libros entre persoas usuarias da Biblioteca. Na sala xeral da planta baixa das citadas instalacións colocarase unha mesa para intercambialos, podendo levar un libro todas as persoas que o desexen, independentemente de se deixan outro a cambio ou non.

Como máximo, poderanse levar ou doar un libro por usuario ou usuaria da Biblioteca ou da Axencia de Lectura da Gándara, onde tamén se levará a cabo esta iniciativa do 21 ao 25 de abril.

As xornadas de portas abertas regresan tamén de novo ás instalacións da Biblioteca central do Alto e da Axencia de Lectura da Gándara. No primeiro caso serán o día 24 de abril, de 11:00 a 12:00 para público adulto e de 18:00 a 19:00 horas para público xeral, e no segundo será o 25 de abril, de 17:30 a 18:30 horas para público xeral. En ambos casos, as persoas interesadas en asistir deben inscribirse previamente, a partir do día 21 deste mes, de xeito presencial na Biblioteca, a partir das 9:30 horas, ou chamando ao número de teléfono 981 382 173.

O venres 25 de abril programouse unha sesión de contos para persoas adultas –a partir de 14 anos-, a cargo de Lorena Pinheiro. “2 pasos, 25 pesetas”, dará comezo ás 19:30 horas, unha proposta chea de humor e lembranzas do que supuxo a mellora das telecomunicacións na década dos 80. O aforo é libre ata completar a capacidade da sala. A última das actividades da programación do Mes do libro será o día 26 de abril, cando ás 11:00 horas dará comezo na Biblioteca o contacontos para bebés -6 a 36 meses- “Onde están os libros?”.

Nesta ocasión, a contadora Olga Abad será a encargada de dar a coñecer unha historia protagonizada por unha bibliotecaria á que lle desapareceron todos os libros da sala. Para poder participar na actividade é preciso inscribirse previamente a partir do 22 de abril ás 16:00 horas, de xeito presencial na Biblioteca ou chamando ao número de teléfono do centro, o 981 382 173, no horario de apertura.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *