A política, os músicos e as cancións

Miguel AlonsoMiguel Alonso

Creo que xa escribín algunha vez sobre isto. Perdo os nervios cando comento calquera cousa sobre un tema (o que sexa) e alguén me responde que non se pode politizar todo e que a política só leva ao enfrontamento. Vale calquera tema, dende a morte de Adolfo Suárez ao recibo da luz. E o tema cabréame, de verdade. Non é a miña intención ir de intelectualoide lembrando a acertada frase de Bertolt Brecht sobre os analfabetos políticos, mais ten toda a razón do mundo cando explica que a política é que decide o prezo do pan e da auga, e que o analfabetismo político é o que crea menores abandonados e políticos corruptos.

Cabréome aínda máis cando vexo a algún compañeiro músico expresando que non hai que mesturar política e música, coma se a arte fose un ente puro e cristalino e non servise dende o comezo dos tempos para mandar mensaxes, información e ideas. O terríbel é que, detrás das afirmacións deses compañeiros, vese un conformismo que asusta e unha ideoloxía que, creo, teñen medo de mostrar en público.

Mais, como non se vai filtrar a realidade social nas cancións? Só de amor viven os homes e mulleres que se dedican á música? Non lles afecta o prezo dos alugares, das hipotecas, da crise? Eu non son, con perdón, unha ninfa dos bosques que toca libre o seu ukelele debaixo dunha árbore.

O gracioso é logo ver a músicos que, por suposto, non falan de nada disto nas súas letras significarse politicamente sobre o que lles interesa: sobre deus, o aborto ou a “liberdade” en determinados países, mentres critican a compañeiros que se manifestan contra as guerras, a corrupción ou o imposto do IVE cultural, acusándoos de estar “manipulados” ou de “manipular”. Xa.

E, iso si, non me veñan co cliché dos cantautores (en xeral, cada vez máis domesticados e afastados da canción social). Hai exemplos das dúas cousas en todos os tipos de música: O mesmo vale para os rapeiros, para os heavys e, mesmo, para os músicos pop. A realidade social aféctanos a todos e logo xa é cousa de cada un saber, en conciencia, se debe dar conta desta ou debe calar.

E outro día, se lles parece, falamos da cuestión lingüística na música.

 

Lea también

«El cuento del rey desnudo»–(José Manuel Otero Lastres)

José Manuel Otero Lastres Los que hemos sido educados, entre otras cosas, a través de …