O premio Concepción Arenal da Deputación a título póstumo o labor de José Luis Muruzábal ao fronte de APEM

 

(Diego Calvo-Muruzabal. Foto arquivo)
(Diego Calvo-Muruzabal. Foto arquivo)

O labor de José Luis Muruzábal ao fronte da Asociación Pro-Enfermos Mentais da Coruña, foi recoñecido unanimemente polo xurado do premio Concepción Arenal que convoca a Deputación da Coruña. En segundo lugar quedou ASPANAES (Asociación de pais con persoas con trastorno do espectro autista da Coruña), e en terceiro posto foron designadas as Hermanas Hospitalarias de Betanzos PAI MENNI.

Este galardón, recuperado este ano pola institución provincial tras varios exercicios sen que se convocara, está dotado con 7.000 euros para o primeiro clasificado e 4.000 para o segundo e o terceiro respectivamente. O seu obxectivo é recoñecer iniciativas, traballos ou traxectorias de persoas e entidades comprometidas coa promoción dos servizos sociais e das políticas de igualdade de sexo.

No caso de APEM, a proposta foi presentada polo presidente da Deputación, Diego Calvo, seguindo as atribucións que reflicten as bases da convocatoria. A súa candidatura foi votada favorablemente por todos os membros do xurado, presidido polo presidente da Deputación da Coruña e formado tamén pola deputada da área de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística e outros técnicos deste eido.

Segundo recolle a acta, o primeiro premio para entidade APEM se expón coma “recoñecemento á traxectoria xeral da entidade, resaltando a entrega de José Luis Muruzábal en prol da consecución dos fins da asociación”. Na xustificación do segundo premio indícase a importante tarefa desenvolvida por ASPANAES na promoción dos servizos sociais de calidade. Finalmente, a Casa de Hermanas Hospitalarias PAI MENNI de Betanzos recibirá o premio “pola traxectoria profesional asistencial adaptada ás necesidades de persoas con discapacidade intelectual”.

APEM. Asociación Pro Enfermos Mentais

A Asociación Pro Enfermos Mentais da Coruña, sociedade sen ánimo de lucro, está a funcionar dende o ano 1980, froito do movemento asociativo de afectados e familiares de enfermos mentais e da inquietude de profesionais que buscaban unha alternativa ao tratamento destas persoas.

O seu ámbito de actuación é provincial, con cobertura nas áreas de A Coruña, As Mariñas, Bergantiños, comarca de Betanzos e Soneira, e Fisterra. A poboación global á que se dirixe é de 520.000 habitantes, onde se estima que viven 10.400 persoas con enfermidades mentais e severas.

A misión de APEM é facilitar a recuperación, adaptación e integración social e laboral das persoas con enfermidade mental e prestar o apoio necesario ás súas familias contribuíndo a crear entre elas un clima solidario.

Na actualidade, e en cumprimento desta misión, desenvolve diferentes programas tanto dirixidas ás familias como aos afectados. Conta con centros e vivendas alternativas na Coruña, Betanzos, Cambre, Carballo, Cee, Vimianzo, Cambre, Culleredo, Arteixo.

José Luis Muruzábal Arlegui foi presidente e representante legal de APEM desde o ano 1987 hasta o seu falecemento este mesmo ano. Grande impulsor desta asociación, mantívose sempre en primeira liña en todas as negociacións e xestións para a posta en funcionamento dos servizos que progresivamente fóronse abrindo ao amparo desta asociación.

As persoas que traballaron con el lembrarán o seu carácter loitador contra o estigma que sofren as persoas con enfermidade mental. De feito, sempre repetía: “Chegará un día en que as persoas enfermas, independentemente da patoloxía que sufran, falarán diso con toda normalidade: a min operáronme do corazón e teño un problema de estómago, eu unha anemia, e eu teño unha esquizofrenia ou unha depresión, sen que iso supoña un estigma”. Do mesmo xeito, sempre defendeu que ás persoas que sofren unha enfermidade mental hai que darlles un futuro a través da posibilidade dunha independencia económica con traballos a súa medida.

ASPANAES

ASPANAES foi constituída o 5 de decembro de 1979 por un grupo de 6 familias lideradas por unha nai convencida da necesidade de buscar camiños e alternativas para dar unha atención especializada aos seus fillos.

Na actualidade conta cunha base social de máis de 1.500 persoas, xa que ofrecen programas e servizos axeitados a cada etapa vital das 323 persoas con TEA e, en colaboración con 1.292 familiares, impulsan unha rede de apoio proporcionándolles a oportunidade de desenvolver unha vida social e familiar plena.

Hoxe ASPANAES é unha das entidades especializadas en autismo de maior dimensión a nivel nacional, xa que conta con 144 profesionais comprometidos coa defensa e mellora da calidade de vida e especializados no trastorno do espectro autista.

A súa rede de servizos sociais está composta por: 4 colexios de educación especial, 2 centros residenciais para adultos, servizo de Atención Temperá, Servizo de Estratexias Psicoeducativas, 2 centros de día para adultos, Servizo de Valoración, Diagnóstico, Servizo de ocio e tempo libre e Servizo de formación.

Hermanas Hospitalarias Betanzos. Pai Menni

O centro PAI MENNI de atención a persoas con discapacidade intelectual sito en Betanzos foi inaugurado en agosto de 1923 e tivo como misión a educación, rehabilitación e asistencia a nenas orfas, minusválidas físicas e psíquicas.

Actualmente ofrece unha asistencia integral de calidade nas dimensións biolóxica, psíquica e social, articuladas por un tecido espiritual, ético e relacional segundo o modelo hospitalario de excelencia que nos é propio.

Os servizos actuais do centro son tanto residencias como terapéuticos, cunha atención integral a persoas con discapacidade intelectual a través dunha intervención multidisciplinar e personalizada.

Os obxectivos so centro son: asistencia, rehabilitación nas diferentes fases (preventiva, curativa, rehabilitadora e de reinserción social), docencia e educación sanitaria, investigación e cooperación internacional.

 

 

Lea también

Renfe se suma al ‘Día Mundial de los Derechos Humanos’ con una campaña en trenes y estaciones de Galicia

Renfe se suma al ‘Día Mundial de los Derechos Humanos’, que se celebrará el próximo …