A Deputación e FADEMUR homenaxean ás mulleres do rural en Pontedeume

A veterana poeta e labrega de Agrón (Ames) Filomena Fraga, a gandeira de Ortigueira  Rosa Carrodeguas, a xornalista de SER Galicia Lara Salgado, e o proxecto  Entrelampo de Santiago reciben osrecoñecementos deste ano.

Valentín González Formoso dirixíndose o público asistente

Pontedeume acolleu este ano o acto central de conmemoración do Día Internacional das Mulleres Rurais, organizado pola Deputación da Coruña e FADEMUR Galicia, nun encontro que reuniu a máis de 400 mulleres chegadas de todas as comarcas da provincia e que contou coa asistencia do presidente provincial, Valentín González Formoso, o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, a presidenta e a secretaria xerral de Fademur Galicia, Verónica Marcos e Rosa Arcos, e o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

 A xornada serviu para poñer en valor o papel decisivo das mulleres no desenvolvemento económico, social e cultural do medio rural e para recoñecer o labor de quen, día a día, mantén vivo o territorio. “As mulleres que sementaron, que criaron, que coidaron, que ensinaron, que transmitiron saberes, que puxeron en pé familias, aldeas e comunidades enteiras”, resumiu o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que no seu discurso  quixo recoñecer “ás nosas nais, avoas, veciñas…a esa forza anónima e discreta, pero inmensa, das mulleres do rural que contribuíron a construír a Galicia que hoxe somos e que nunca tiveron un recoñecemento público, pero o que o merecen máis que ningúen”.

O presidente da Deputación afirmou que “Galicia ten no rural unha fonte inmensa de oportunidades”, pero advertiu da necesidades de impulsar políticas que revertan a situación de abandono histórico do rural, que preveñan os incendios e que o “doten de máis e mellores servizos públicos, infraestruturas e oportunidades de emprego que permitan establecer no rural proxectos de vida”.

Neste marco, lembrou “o compromiso real” da Deputación coa igualdade e o desenvolvemento do rural a través de programas concretos como o Plan Único (POS+), que financiou máis de 4.600 obras e miles de servizos nos concellos, mobilizando 834 millóns de euros da provincia na última década, ou o Plan de Emprego Local (PEL), que contribuíu á creación de máis de 8.000 empregos e apoiou centos de proxectos emprendedores, moitos deles liderados por mulleres en pequenos municipios da provincia.

Formoso tamén insistiu en que “falar de igualdade é falar de desenvolvemento”, e subliñou a importancia de acompañar ás mulleres rurais “non só con palabras, senón con políticas reais que melloren a súa calidade de vida, que lles permitan emprender, formarse, e decidir quedarse no seu territorio con dignidade e con oportunidades”.

“Hai a quen lle molesta que falemos de igualdade, pois imos a seguir avanzando porque conseguimos moito nestes anos, pero queda moito por seguir avanzando”, afirmou.

Foto de grupo cos homenaxeados

A secretaria xeral de FADEMUR Galicia, Rosa Arcos, afirmou que “hoxe estamos aquí para falar de Mulleres, de Organización, do Rural, de Asociacionismo, de Igualdade, de Memoria e de Avance, e todas as as iniciais destas palabras forman un precioso nome de muller: Moraima, co que queremos celebrar este Día da Muller Rural en Pontedeume”.

Tanto Rosa Arcos como Verónica Marcos, presidenta de Fademur Galicia, lembraron que a entidade cumprirá 20 anos en 2026 “reivindicando un futuro mellor para o rural e representando os intereses das mulleres, que son o motor do rural galego”. 

O alcalde Pontedeume, Bernardo Fernández, deu a benvida ás centos de mulleres de toda a provincia que hoxe se congregaron no municipio “para reivindicar e para celebrar” e agradeceu  a súa contribución decisiva ao desenvolvemento do noso rural.

Recoñecementos ás Mulleres Rurais 2025

Durante o acto, entregáronse os Recoñecementos ás Mulleres Rurais 2025, impulsados pola Deputación da Coruña, que poñen en valor a contribución das mulleres e das iniciativas que transforman, dinamizan e fortalecen o medio rural.

Lara Salgado xunto a Valentín Formoso

A xornalista de SER Galicia Lara Salgado foi distinguida polo seu compromiso coa información e a comunicación desde o territorio. Graduada en Xornalismo e Dereito, Salgado destacou este ano pola súa cobertura rigorosa e próxima dos incendios que asolaron o sur da provincia de Ourense, ofrecendo unha información útil, humana e comprometida coa xente do rural. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, entregoulle o galardón subliñando “a súa profesionalidade e a súa sensibilidade á hora de dar voz a quen máis o necesita”.

O segundo recoñecemento foi para o proxecto Entrelampo,en Santiago de Compostela,  unha iniciativa de economía social que aposta pola inclusión laboral de persoas con problemas de saúde mental a través da produción agroecolóxica e do emprego sostible. A asociación, que comercializa produtos de proximidade baixo marcas tan simbólicas como Avoa Hortensia, Xema ou Clara, foi premiada pola súa contribución a un rural máis inclusivo, solidario e respectuoso co medio ambiente. O alcalde de Pontedeume e deputado provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, foi o encargado de facer entrega do recoñecemento a Concepción Docampo Sanromán e Juan Soriano Barceló, representantes de Entrelampo.

Rosa Carrodeguas recibe o galardón de máns de Roberto García González.

Tamén foi recoñecida Rosa Carrodeguas, gandeira de Ortigueira, polo seu compromiso co sector primario e o territorio. Pioneira en poñerse á fronte dunha explotación de vacún de carne nunha comarca de gran valor ambiental, Rosa destacou polo seu traballo incansable en defensa dos prezos xustos e pola súa implicación sindical e asociativa a través de Unións Agrarias e da Asociación de Mulleres Rurais Ortegalia. O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García González, fixo entrega deste galardón, recoñecendo nela “un símbolo da forza e da perseverancia das mulleres do rural galego”.

Premio a Filomena Fraga, inda que non puido asistir en persoa e entregado por Verónica Marcos Arrojo.

O último dos recoñecementos foi para Filomena Fraga, poeta e labrega de Agrón, no concello de Ames, que aos seus case cen anos é exemplo de sabedoría, resistencia e compromiso coa igualdade. Vinculada á creación da Escola Familiar Rural da súa parroquia e defensora da educación como ferramenta de liberdade, Filomena encarna o espírito das mulleres que abriron camiño e inspiraron xeracións. Por motivos de saúde non puido asistir ao acto, mais enviou unha mensaxe en vídeo chea de ánimo e esperanza. A presidenta de FADEMUR Galicia, Verónica Marcos Arrojo, entregou o premio en nome de todas as mulleres rurais galegas.

“As mulleres son o motor do rural”

Durante o evento, tanto FADEMUR como a Deputación da Coruña coincidiron en que o emprendemento feminino e o asociacionismo son claves para frear o despoboamento e garantir o futuro do rural, promovendo servizos, emprego e oportunidades en igualdade. “As mulleres son o motor do rural e, sen elas, non hai futuro posible para as nosas aldeas”, concluíu González Formoso.

O acto, que contou tamén coa participación musical da regueifeira Lupe Blanco, rematou cunha emotiva homenaxe a todas as mulleres que fan posible un rural vivo, sostible e igualitario.

 

Lea también

Primeros avances en la Cidade do Deporte en FIMO tras el primer mes de obras

Una vez se apagaron las luces navideñas, entraban en los pabellones de FIMO las máquinas …